O Concello de Culleredo é condenado a pagar outros 237.791,57€ nunha nova sentenza

O BNG pedirá acceso á sentenza, xa que o goberno local non ofrece detalles

O BNG pedirá acceso á sentenza na que o goberno de Rioboo perdería 237.791,57€, cantidade á que habería que engadir os xuros, nun contencioso-administrativo que presentara a empresa SETEX-APARKI S.A.

Tamén reclamará explicacións de “que está sucedendo para que levemos perdidos centos e centos de miles de euros en procedementos xudiciais. Hai pouco soubemos doutra sentenza que condena ao Concello de Culleredo a reparar a superficie da Praza de Galiza no Burgo por filtracións de auga aos garaxes no soto, debido a defectos de construción de responsabilidade municipal. Tamén coñecimos o caso dos 60.000€ de indemnización para o propietario do Muíño da Fonte da Balsa; ou os 200.000€ de sobreprezo que hai que pagar por unha das sete parcelas adquiridas para o colexio Vila de Rutis, sobre o que xa houbera que sobrepagar outra das parcelas anteriormente. Neste último, o goberno municipal evitou, no último Pleno municipal, concretar o que levamos perdido debido ás sentenzas condenatorias a pagos en proporción de 1 a 4”.

Esta nova sentenza, que obriga a pagar a SETEX-APARKI S.A. 237.791,57, non era firme no momento da dación de conta desta información por parte do goberno municipal. “Agardemos que presentaran recurso de apelación e que se evite o pago desa cantidade” declaran dende o BNG de Culleredo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.