O documental “Vencerse é cousa de se tratar” sobre Xela Arias se emitirá este domingo na TVG

O traballo, de Valeria Pereiras, foi gravado en Sarria e conta coa participación de alumnado dos centros de secundaria

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colaborou na produción do documental “Vencerse é cousa de se tratar”, que ten como fío condutor a creación do mural de Xela Arias que loce en Sarria, na rúa que leva o nome da autora, a carón da capela de San Lázaro.

O traballo documental, de Valeria Pereiras, constrúese a partir da gravación deste traballo artístico de Mon Devane e coa participación de estudantes dos institutos Xograr Afonso Gómez e Gregorio Fernández de Sarria, convidadas a reflexionar sobre a figura de Xela Arias e dar opinión sobre a súa escrita.

“Xela Arias pertence a esa xeración de poetas dos 80 que conectan de xeito especial coa mocidade, coas súas inquedanzas, ansias de liberdade e espíritu rebelde”, apunta o produtor executivo do audiovisual, Manuel Fernández, que destaca “a intención de destacar o carácter performático da poesía de Xela Arias”.

O documental recolle ademais a lectura a cámara de poemas da autora sarriá por parte de persoas destacadas da literatura e tamén da música galega. No que respecta á biografía, o audiovisual divulga os aspectos máis descoñecidos e curiosos da vida da escritora “a través de rótulos sobreimpresos, con frases breves que resumen de xeito dinámico a súa traxectoria”, explica o produtor.

“A participación da mocidade e os recursos de arte urbana, tanto no que ten que ver co fío condutor como na rotulación do audiovisual, contribúen a facer do documental unha produción afastada doutras máis canónicas que se están a facer durante este ano, por iso apostamos por colaborar coa produción”, explicou Maite Ferreiro.

O documental emitirase este domingo, ás 15.15 horas, na Televisión de Galicia, como parte da programación polas Letras Galegas. A área de Cultura adquiriu cincuenta exemplares do documental que se distribuirán entre asociacións e colectivos interesados en organizar proxeccións da obra.

A colaboración co documental encádrase dentro das actividades promovidas pola Vicepresidencia da Deputación en relación coa figura de Xela Arias no ano da homenaxe polas Letras Galegas. Entre elas, a mostra itinerante “Xela Arias. A poesía do retrato”, que pode verse nestes días en diversos puntos do casco urbano de Sarria, ou a serie audiovisual “Outras voces para as Letras de Xela”, que se está a difundir a través da canle de Youtube e das redes sociais da Vicepresidencia. Ademais, nesta semana, 140 centros educativos recibiron un lote de libros arredor de Xela Arias. A Vicepresidencia repartiu exemplares de “Poesía reunida. Xela Arias” e “Non te amola”, con textos da autora, e dos estudos biográficos “Intempestiva”, de Montse Pena, e “Xela quixo ser ela”, de Yolanda Castaño.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.