O equipo Captioma Steams de Ourense gaña a 7ª edición da FIRST LEGO League Galicia organizada pola Universidade da Coruña en formato virtual

O equipo Captioma Steams de Ourense gañou esta mañá a 7ª edición da First Lego League Galicia organizada pola Universidade da Coruña. Universidade da O podio completouse con Efigy Girls Las Acacias, de Vigo no segundo premio da Coruña ao gañador e con Las Acacias Bot, de Vigo co Premio Concello de Ferrol ao Proxecto de Innovación. Estes tres equipos representarán na Galicia na gran final nacional que terá lugar os días 26 e 27 de xuño, en formato en liña emitido desde Tenerife.

Listaxe completa dos gañadores da categoría FIRST LEGO League Galicia Challengue:

  • Primeiro Premio Fundación Scientia ao gañador, Captioma Steams, de Captioma Galicia, Ourense.
  • Segundo Premio da Universidade da Coruña ao gañador, Efigy Girls Las Acacias, do Colexio Las Acacias de Vigo.
  • Premio Concello de Ferrol ao Proxecto de Innovación, Las Acacias Bots, do Colexio Las Acacias de Vigo.
  • Premio Deputación da Coruña aos Valores FIRST, Robot City Pobra, do CEP Salustiano Rey Eiras, da Pobra do Caramiñal, A Coruña.
  • Premio Gabadi ao Deseño do Robot, Peña Clever Bots, do Colexio Peñarredonda, A Coruña.
  • Premio ao Comportamento do Robot, Peña Clever Bots, do Colexio Peñarredonda, A Coruña.
  • Premio ROBOTIX Hands-on learning ás Novas Promesas, H4CKZ4POS, de Gazapo.gal, Narón, A Coruña.
  • Premio ao Adestrador, 100tíficas Trabe, do IES Rego de Trabe, Culleredo, A Coruña.
  • Premio Xunta de Galicia ao Emprendemento, Mega Builder Team, de Mega Ribeira, de Ribeira, A Coruña.

A Universidade da Coruña organizou esta mañá, a FIRST LEGO League Galicia (FLL Galicia), que nesta sétima edición se celebrou integramente en liña pola pandemia da Covid-19. A Escola Politécnica Superior do Campus de Ferrol acolleu as reunións telemáticas do xurado e habilitouse no espazo do ximnasio do campus, no Centro Cultural Universitario, un estudo para a emisión de entrevistas e contactos en directo con distintos equipos participantes, no que o mago Martín Varela conduciu todo o evento.

Os premios desta edición entregaranse en formato presencial o vindeiro 5 de xuño, ás 11:00 horas na Escola Universitaria Politécnica, en Serantes, nun acto presidido polo reitor, Julio Abalde, a vicerreitora de Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla, e o coordinador da FLL Galicia, o profesor da UDC José Antonio Becerra Permuy.

Na convocatoria de hoxe participaron un total de 250 mozos e mozas de 34 equipos procedentes de toda Galicia.

Segundo valorou o coordinador da FLL Galicia, José Antonio Becerra, o formato telemático non incidiu na calidade das propostas presentadas, que se situou no elevado nivel das edicións anteriores, aínda que si lle restou alegría ao campus. O profesor Becerra cualificou esta edición de “estraña” e manifestou o seu desexo de que se poida volver á normalidade presencial o antes posible.

A FLL Galicia conta co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), da Deputación Provincial da Coruña, do Concello de Ferrol e do Conservatorio Profesional de Música de Ferrol Xan Viaño. Ademais, patrocinan a FIRST Lego League Galicia a empresa Gabadi SL, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), o Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), GADIS, R, Error Ferrol!, PuntoGal, Neodyn, TodoOcio e Lidl.

Que é a FIRST LEGO League?

A FIRST LEGO League é un programa internacional que desafía a mozos e mozas, de entre 10 e 16 anos, a resolver problemas do mundo real como poden ser a reciclaxe, a educación ou as enerxías renovables. Mediante a súa resolución, os mozos e mozas desfrutan coa ciencia e a tecnoloxía. Ao mesmo tempo, aprenden valiosas habilidades para o seu futuro profesional e persoal como son o traballo en equipo, a resolución de problemas e a comunicación. Este desafío está conformado por tres ámbitos de traballo:

  • Deseñar, construír e programar un robot.
  • Desenvolver un proxecto científico que dea solución a un problema proposto por eles mesmos.
  • Demostrar uns valores de equipo.

A FIRST LEGO League ten unha dobre misión:

  • Fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre os máis novos.
  • Desenvolver habilidades e competencias de futuro.

O DESAFÍO FIRST LEGO League en España

A Fundación Scientia é a entidade que impulsa a FIRST LEGO League en España en colaboración co 20% das universidades españolas, parques tecnolóxicos e entidades de promoción da innovación como socios. Ademais, a iniciativa é posible grazas á colaboración de empresas e entidades que achegan aos participantes aos coñecementos e profesións STEAM. Nesta edición, FIRST LEGO League conta con ROBOTIX Hands-on Learning e Correos como colaboradores do DESAFÍO RePLAY.

Nesta tempada, a FIRST LEGO League celebra os seus 15 anos en España. Ao longo de todo este tempo teñen participado nos distintos Torneos Clasificatorios e a Gran Final máis de 110.000 mozos e mozas organizados en 25.000 equipos.

Como funciona a FIRST LEGO League?

Cada tempada, a FIRST LEGO League desafía aos mozos e mozas a resolver problemas do mundo real, tales como a reciclaxe, a xestión da auga ou as enerxías renovables mediante as oportunidades que ofrece a ciencia e a tecnoloxía. Na edición 2020/21, a través do DESAFÍO RePLAY, proponlles aos equipos que atopen solucións innovadoras para volver a definir e a revolucionar o xeito no que facemos deporte, xogamos ou nos movemos, empregando as ferramentas e a tecnoloxía de hoxe en día.

Os equipos teñen que resolver este desafío en tres áreas de traballo:

  • O Proxecto Científico. Un proxecto científico que explique e detalle a súa solución innovadora como opción de mellora ao problema proposto.
  • O Xogo do Robot. O deseño, construción e a programación dun robot LEGO MINDSTORMS Education que terá que superar divertidas misión nun taboleiro de xogo relacionado co desafío.
  • A integración dos valores FIRST LEGO League. Mentres os equipos desenvolven o Proxecto Científico e o Xogo do Robot, integran os valores FIRST LEGO League: descubrimento, innovación, impacto, inclusión, colaboración e diversión.

Que é a FIRST LEGO Explore?

A FIRST LEGO League Explore é un programa internacional dirixido a nenos e nenas de 6 a 9 anos, centrado na promoción da ciencia e da tecnoloxía, para captar a curiosidade dos máis pequenos e dirixila cara o descubrimento e a mellora do mundo que os rodea.

Por equipos, de entre 2 a 6 participantes, os máis pequenos deseñan e constrúen unha maqueta con pezas LEGO e preparan un póster ilustrativo do seu traballo. Un póster que presentan diante do público asistente aos EVENTOS FIRST LEGO League Junior que se organizan nos tornos clasificatorios e na Gran Final.

No desafío desta tempada 2020/21, PLAYMAKERS, os equipos están a revolucionar o deporte e a cambiar o xeito no que xogamos e nos movemos.

Que é a FIRST LEGO Discover?

A FIRST Lego League Discover é un programa introdutorio á ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría e ás matemáticas (STEM), dirixido a nenos e nenas de entre 4 e 6 anos. O programa estimula a súa curiosidade natural ampliando os seus coñecementos e desenvolvendo novos hábitos de aprendizaxe. Os participantes tamén desfrutan do DESAFÍO PLAYMAKERS.

Foto Portada: Martín Varela no improvisado estudio no ximnasio do Centro Cultural Universitario de Ferrol no momento da lectura do fallo do xurado.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.