O Goberno local respónde ao BNG que “en breve estaremos en condicións de coñecer os prazos exactos” para a apertura do complexo deportivo do Castrillón

Jorquera enfatiza que “o Goberno Local continúa a manter a incógnita sobre cando se vai ampliar o capital social de EMVSA, paso imprescindíbel para completar e abrir o público a instalación deportiva”

“En breve estaremos en condicións de coñecer os prazos exactos” para a apertura do Complexo Deportivo do Castrillón, respóndelle o Goberno Local ao portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, quen formulara unha pregunta escrita ao respecto.

“Temos intención de iniciar antes unha rolda de visitas aos veciños para que coñezan as instalacións e así poder comezar a actividade do centro”, engade o executivo coruñés.

Sobre o modelo de xestión para este complexo deportivo, outra das cuestións polas que se interesaba Jorquera, o Goberno Local respóndelle que o asunto está definido “polo momento” coa “encomenda de xestión realizada a EMVSA”.

Mais o problema é que, apunta Jorquera, para que a Empresa Municipal de Vivenda, Servizos e Actividades asuma esa encomenda e se abra por fin ao público o Complexo Deportivo do Castrillón un paso previo imprescindíbel é a ampliación de capital da propia EMVSA.

Como salientou o voceiro nacionalista no Pleno do pasado xoves, o Consello de Administración de EMVSA xa aprobou o pasado mes de decembro unha ampliación de capital (por 1,2 millóns de euros), mais a súa materialización está pendente de que a Concellaría de Economía e Facenda impulse un modificativo de crédito para lle transferir eses fondos á empresa.

“Mais o Goberno Local continúa a manter a incógnita sobre cando se vai producir a ampliación de capital”, denuncia Jorquera, quen non obtivo ningunha resposta concreta por parte do voceiro do Goberno Local, José Manuel Lage, cando o inquiriu ao respecto no salón de plenos.

Nas condicións actuais, explica Jorquera, EMVSA só estaría en disposición de asumir a dirección e a xestión administrativa do complexo. “Necesitaría subcontratar o persoal e para isto, e tamén para completar os equipamentos da instalación, precisa esa ampliación de capital”, aduce.

O Goberno Local nin sequera iniciou os trámites para dotar EMVSA de máis recursos e Jorquera ve nisto “un novo exemplo dos prexuízos que está a provocar á cidade a prórroga dos orzamentos”. “E estamos”, engade, “ante un novo exemplo de agravamento destes prexuízos pola imprevisión e inoperancia do Goberno á hora de ter listos en tempo e forma os modificativos necesarios para paliar as consecuencias desa decisión”.

A consecuencia da prórroga dos orzamentos é que o concello e a cidade están sumidas na parálise (sen data para termos nin Presco 2 nin novos convenios nominativos), “mentres os veciños e as veciñas do Castrillón agardan eternamente pola apertura do complexo deportivo”, conclúe Jorquera.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.