O Observatorio ABANCA by IESIDE mostra a recuperación da actividade comercial en Galicia tras a fin do estado de alarma

A actividade comercial entre o 12 de abril e o 16 de maio é un 7% superior á rexistrada antes da crise. O gasto en restaurantes creceu un 15% a partir do 9 de maio. Alimentación e farmacia seguen por encima do nivel pre crise

O Observatorio ABANCA by IESIDE publica hoxe a decimosegunda entrega do seu informe sobre a evolución da actividade comercial en Galicia, que nesta ocasión analiza o período do 12 de abril ao 16 de maio. O documento mostra a recuperación da actividade comercial en Galicia tras a fin do estado de alarma, de forma xeral no conxunto da economía e especialmente no sector lecer.

De acordo cos datos dos pagos efectuados con tarxeta de crédito ou débito polos clientes de ABANCA en establecementos galegos, os niveis de actividade creceron un 55% interanual. Esta cifra está condicionada polo confinamento aplicado no mes de abril de 2020. Tomando como referencia abril do ano 2019 para eliminar esa distorsión, obsérvase un incremento da actividade do 12%. En comparación cos niveis previos á crise, a actividade é un 7% superior. Outro elemento que acredita a tendencia positiva tras o estado de alarma é que o nivel de actividade alcanzado é o máis elevado para unha segunda semana de mes desde o verán de 2020.

O gasto en restaurantes creceu un 15% a partir do 9 de maio respecto ao mesmo período de 2019, mentres que a facturación de TPVs fíxoo nun 7%, aínda penalizada polo reducido turismo non autonómico. Moda e complementos, outro dos sectores que máis acusou o efecto da crise, mantívose no nivel de abril, cunha caída do 8% respecto ao mesmo período de 2019. O sector mostrou unha importante recuperación tras a caída de actividade do 31% rexistrada en febreiro.

Alimentación, farmacias e comercio minorista

O gasto en alimentación continúa nun nivel superior a antes da crise, aínda que na comparativa interanual a actividade destes establecementos experimentou unha contracción do 10% polo efecto do maior gasto producido durante o confinamento. Se se realiza unha comparación respecto ao mesmo período de 2019, as compras crecen un 36%.

O gasto en farmacias tamén se mantén por encima do seu nivel pre-crise. De maneira similar ao observado nos establecementos de alimentación, esta actividade retrocede un 15% respecto ao mesmo período do ano 2020 polo aprovisionamento de material sanitario rexistrado en 2020. Tomando como referencia 2019 para neutralizar este efecto, obsérvase que o gasto crece un 32%.

A progresiva desescalada permite que continúe aflorando a demanda embalsada e mellore a actividade do comercio minorista, aínda que con acusadas disparidades segundo o tipo de comercio. No período observado o sector situou o seu nivel de actividade en liña coa etapa pre-covid e un 7% por encima de 2019. O seu peso dentro da cesta da compra situouse no 32%, nivel similar ao de abril 2019, cando no mesmo mes de 2020, en pleno confinamento, chegou a representar tan só o 19%.

O bloque composto polos establecementos de telefonía, talleres, parkings, vending, etc. situouse tamén por encima dos niveis previos á crise.

Lecer e transporte

O gasto en lecer aproxímase aos niveis previos á crise, reducindo ao 16% a súa caída respecto de 2019 (o comparativa respecto ao confinamento de 2020 non resulta representativa). Se se neutraliza o efecto da Semana Santa de 2019 a caída sería de 11%. A ponte do pasado 1 de maio tivo un notable impacto positivo que contribuíu a situar a actividade un 9% por encima dos niveis previos á crise.

A actividade en transporte, incluíndo gasolineiras, continúa crecendo tras o alivio dos peches perimetrais, aínda que a comparativa vese condicionada polas flutuaciones do prezo do petróleo, que cuadriplicou a súa cotización do mesmo período de 2020 pero mantense un 7% por baixo de 2019.

Últimas semanas

O informe recolle unha análise específica do período do 7 ao 16 de maio, días nos que se produciu a finalización do estado de alarma.

O gasto en establecementos de lecer de Galicia recuperouse e limitou a súa caída ao 6% respecto ao mesmo período de 2019, fronte ao 16% no conxunto de abril-maio. Se se ten en conta a facturación de TPVs para recoller o gasto do turismo non autonómico, esta caída é do 9%.

En particular, o gasto en restaurantes creceu un 15% respecto ao mesmo período do ano 2019. Considerando a facturación de TPVs para ter en conta a ausencia de turismo, o crecemento redúcese á metade: 7%. A facturación dos hoteis descendeu un 44% (57% durante a Semana Santa) respecto ao mesmo período do ano 2019.

Comparativa 2019: comercio minorista e lecer

Outro contido específico desta decimosegunda entrega do Observatorio ABANCA by IESIDE é a comparativa respecto de 2019 da actividade dos establecementos de comercio minorista e lecer.

O gasto en establecementos de moda e complementos limitou en abril a súa caída ao 8% en comparación co mesmo mes de 2019. Este descenso é moi similar ao experimentado durante o mes de marzo e sitúase lonxe da caída do 31% de febreiro.

Fogar e bricolaxe rexistrou un crecemento do 30% en abril respecto ao mesmo mes de 2019, mentres que multimedia mantén un crecemento do 27%. Os restaurantes mostran o mesmo bo ton, cun crecemento do 11% (se se considera a facturación de TPV para ter en conta a ausencia de turismo, a actividade cae un 10%). A facturación dos hoteis reduciuse un 57%, mentres que os establecementos de discotecas e espectáculos facturaron un 71% menos.

Medios de pago

Na estrutura de uso de medios de pago, o efectivo segue perdendo protagonismo en beneficio do pago con tarxeta e online. Con datos a maio, o efectivo supón o 36% dos pagos fronte ao 46% na pre-pandemia. Pola contra, os pagos con tarxeta son os máis frecuentes, acaparando o 45% das operacións. As compras online creceron 5 puntos porcentuais respecto ao mesmo período de 2019 e supoñen o 15% das compras.

Datos por provincia

Respecto dos niveis da etapa pre-covid, a actividade comercial rexistrou unha evolución homoxénea nas catro provincias galegas, aínda que A Coruña presentou ritmos de actividade máis baixos.

Na devandita provincia o comercio minorista situouse en niveis previos á crise e experimentou un crecemento interanual do 5% como consecuencia do afloramento da demanda retida nos meses previos.

Lugo rexistrou un repunte do gasto en lecer, aínda que no conxunto do período aínda se atopa un 21% por baixo dos niveis do mesmo período de 2019.

En Ourense o gasto en lecer alcanzou os niveis previos á crise durante a festividade do 1 de maio e o fin do estado de alarma. Respecto ao mesmo período de 2019, experimentou unha contracción do 14%.

En Pontevedra o comercio minorista situouse en liña cos niveis pre-covid e experimentou un crecemento do 9% en comparación con 2019 como consecuencia da demanda retida.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.