O Xulgado suspende o prazo para retirar os bens do pazo de Meirás ata resolver os recursos

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña suspendeu o prazo dun mes concedido o pasado 28 de abril á familia Franco para retirar “as cousas, bens ou obxectos” do interior do pazo de Meirás ata que non resolva sobre os incidentes en que se discute que bens se poderían levar e cales non e sobre os recursos de reposición presentados polo Estado, a Xunta, a Deputación Provincial e os concellos da Coruña e Sada. Contra a resolución cabe interpoñer recurso. 

Ademais, o Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña emitiu hoxe outra resolución na cal require ao Estado, tal e como solicitaba a familia Franco, para que no prazo máximo dun mes deposite no órgano xudicial, para que quede baixo a custodia da letrada da Administración de Xustiza, “a información e documentación da que dispoña e manexase para determinar a necesidade de acometer obras no pazo de Meirás”. Desta forma, a Administración deberá xustificar a declaración de emerxencia das contratacións das obras e especificar os traballos concretos “que executou, está a executar e/ou proxecta executar”, ademais de xustificar o seu importe.

Entre a documentación deberá incluír a memoria proposta para a declaración de emerxencia de determinadas actuacións, que foi elaborada pola Delegación de Economía e Facenda da Coruña. Tamén terá que remitir o encargo realizado á empresa en que se detallan pormenorizadamente as obras de emerxencia para realizar, tanto no edificio principal como na contorna do pazo (incluíndo o seu custo), así como un estudo sobre a situación das instalacións eléctricas do edificio e o contrato para solucionar de maneira urxente os problemas detectados. O Estado, ademais, deberá facilitar os contratos relacionados coa xardinería.

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña denegou á familia Franco a súa petición de que uns técnicos propostos polos demandados puidesen inspeccionar presencialmente as partes ou elementos do pazo afectados polas obras. No auto, contra o que cabe presentar recurso de apelación, a xuíza destaca que a Administración “afirma a existencia dunha ampla reportaxe fotográfica” na cal se recolle o estado previo do inmoble antes de executar os traballos. “Non nos atopamos ante unha empresa privada ou particular que por iniciativa propia acomete unha serie de obras que entende como necesarias, senón ante unha administración pública —Consello de Ministros— que á vista da Memoria Proposta para a Declaración de Emerxencia, elaborada pola Delegación de Economía e Facenda da Coruña, e do expediente administrativo correspondente, conforme determina a Lei de contratos do Estado, realiza a declaración de emerxencia e autoriza as obras e actuacións a realizar, estando documentadas e aprobadas; do mesmo xeito que a partida orzada para a súa realización”, subliña a xuíza.

“Á vista da proba documental e dos informes periciais dos técnicos da Administración, os demandados terán acceso e pleno coñecemento das obras para realizar/realizadas e o custo fixado a cada unha de elas”, indica a xuíza, quen engade que, no caso de que fose acollido o recurso de  casación contra a sentenza que outorga a propiedade do inmoble ao Estado e a familia Franco pretendese reclamar o custo dos traballos realizados polo seu carácter necesario, “a carga da proba corresponderíalle á Administración e, por iso, é a máxima interesada en poder acreditar o estado real do inmoble antes de iniciar as obras”.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.