Os socialistas de Antas de Ulla propoñen regular o uso das piscinas e das instalacións deportivas

Reclaman ademais “que os usuarios que non estean empadroados no Concello de Antas de Ulla abonen unha entrada polo uso destas instalacións, como xa se fai na maioría dos Concellos, co fin de contribuír na redución dos costes de mantemento”

Os socialistas de Antas de Ulla demandan ao Goberno Municipal que melloren as dotacións deportivas do Concello. “Por iso propoñemos ao PP, diante da súa incapacidade manifesta para impulsar proxectos na nosa vila, unha serie de iniciativas que redunda no benestar da nosa veciñanza”, sinalan.

En primeiro lugar, a voceira Pilar García Porto anuncia a proposta do Grupo Socialista “para a tramitación dunha ordenanza municipal, co fin de que regule o uso diferenciado da zona de ocio das piscinas e das instalacións deportivas que está integrada polo campo de fútbol e o pavillón polideportivo”.

Nesa liña reclama ademais “que os usuarios que non estean empadroados no Concello de Antas de Ulla abonen unha entrada polo uso destas instalacións deportivas, como xa se fai na maioría dos Concellos, co fin de contribuír na redución dos costes de mantemento das instalacións, xa que son asumidos integramente polo Concello a través dos presupostos municipais, sen que ningún visitante faga aporte económico algún”.

Lamentable situación

“En Antas de Ulla contamos cunhas instalacións deportivas cun entorno ideal para a práctica deportiva, e cuxas dotacións de ocio poderían ser de primeiro nivel si estiveran debidamente coidadas e atendidas polos responsables municipais, por iso non entendemos porqué o Concello non impulsa esta area”. Hai que lembrar que Grupo Socialista de Antas de Ulla xa denunciou en diversas ocasións “a lamentable situación de abandono e deterioro que sofre a zona das piscinas e o resto das instalacións deportivas”, insistiu.

No que se refire ás piscinas, denuncian que “as labores de mantemento, conservación e limpeza non se realizan en todo o ano. É lamentable que non estean en condicións de uso, xa que que só se lles adican 10 ou 15 días de traballo, antes da apertura ao público. Esta actuación provoca que proxectemos unha imaxe de abandono, que é a que levan do noso concello os visitantes que acoden a este espazo”, sinalan.

“Agora que se achega o final das restriccións sanitarias, propoñemos que esta zona se converta nun lugar de promoción de Antas de Ulla, no que se podan visualizar os recursos do concello e que transmita orde, limpeza, coidados, atención. É dicir unha imaxe completamente distinta á que estamos amosando actualmente, para os miles de usuarios que se poden calcular ao remate da tempada estival”,  argumentou García Porto.

Tamén evidencian a falla de control na asistencia ás instalacións deportivas. “Por iso reclamamos diferenciar o uso das instalacións deportivas co uso das piscinas municipais, que están incluídas no mesmo entorno. Por unha banda entendemos que unha cousa é acudir á zona de baño das piscinas e outra moi distinta é utilizar indiscriminadamente toda a zona deportiva”, explican.

Pilar García Porto remarca que no orzamento do 2021 o Concello de Antas de Ulla “contempla un investimento de 122.921,94 euros para melloras nas instalacións deportivas, por iso solicitaremos na vindeira sesión plenaria que este orzamento se destine a recuperar o conxunto das instalacións deportivas (campo de fútbol e pavillón)”.

Melloras no polideportivo, piscinas e duchas

Dende o Grupo Socialista solicitamos o adecentamento e melloras no polideportivo, “hai unha falla evidente de conservación que se aprecia dende o seu exterior coa presenza de cristais rotos, falla de limpeza e deterioro ou inexistencia de elementos deportivos, como canastas ou porterías, goteiras na cuberta e deterioro no chan da pista”. No entorno das piscinas aprécianse tamén graves desperfectos de elementos, como por exemplo a pintura dos vasos das piscinas que está en mal estado, tampouco existen medidas de protección de seguridade arredor dos vasos polo que as persoas realizan saltos e outras prácticas sen control, incrementándose tamén o risco de accidente por caídas”.

As duchas non funcionan de xeito regular, e nalgúns casos teñen pouco caudal de auga e noutros non desaugan. Os aseos públicos e os vestiarios están obsoletos, e non debemos esquecer que as medidas de conservación e as hixiénico-sanitarias teñen que ser especialmente rigorosas, sobre todo tendo en conta a masiva afluencia de público das instalacións.

Campo de fútbol

O mantemento do conxunto do campo de fútbol corre a cargo da SD Antas de Ulla que realiza labores de mantemento, limpeza e conservación. A última inversión feita no céspede do campo de fútbol, arredor de 50.000 euros precisa do axeitado mantemento, para que non sufra un deterioro temperá e supoña un gasto maior. O mesmo ocorre cos vestiarios aos que se destinaron arredor de 20.000 euros para melloralos, pero que hoxe contan de novo con desperfectos ata nos accesos.

Mala xestión

Por último os socialistas advirten que “chegamos a esta situación pola mala xestión económica e dos recursos públicos que fai o Alcalde e o equipo de goberno do PP, que neste caso, como noutros moitos, o único que fan é realizar inversións que logo non se preocupan de manter, adícanse a improvisar con actuacións  puntuais sen levar a cabo necesario coidado das instalación existentes”, replican.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.