Yoya Blanco impulsa o primeiro servizo municipal de formación gratuíta en liña para desempregad@s

A nova plataforma www.pontevedra.formaemprego.com acaba de poñerse en funcionamento cunha oferta duns 500 cursos multimedia e interactivos en 29 áreas temáticas diferentes

Pontevedra conta desde hoxe co primeiro servizo municipal gratuíto de formación en liña para desempregad@s que estean empadroados no noso concello. A iniciativa, enmarcada dentro das accións postas en marcha pola Concellería de Promoción Económica para mellorar a empregabilidade dos veciños do municipio e achegar as ferramentas básicas necesarias para a procura e consolidación de postos de traballo, pon a disposición da cidadanía unha plataforma online cunha proposta inicial duns 500 cursos en 29 áreas diferentes.

Segundo explica a concelleira impulsora deste servizo, a socialista Yoya Blanco, “nesta ampla e variada oferta inclúense talleres que abranguen bloques temáticos como Administración e Oficinas, Ofimática, Internet e Redes Sociais, Deseño Gráfico, Desenvolvemento Web, Informática, Idiomas, Alimentación e Hostalería, Márketing e Vendas, Oficios…”. “Queremos facilitar a preparación das persoas para o mercado laboral, cunha plataforma que permitirá renovar, dun xeito sinxelo e cómodo, as competencias que dan acceso a un posto de traballo ou a outros plans máis ambiciosos, empregando as vantaxes das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) para achegar un método de difusión masiva nestes momentos da pandemia, nos que aínda debemos manter as medidas de seguridade recomendadas fronte á Covid-19”, sinala a edil de Promoción Económica.
Blanco indica que o acceso aos cursos “será libre e gratuíto para persoas empadroadas no concello de Pontevedra que teñan 16 anos ou máis e se atopen en situación de desemprego”.

A empresa pontevedresa de formación Docensa, dirixida por José Luis Bouzas, colabora coa Concellería neste proxecto, encargándose de dar ao alumnado todo o soporte necesario. Tal e como apunta o propio Bouzas, “todos estes cursos foron deseñados con modernas ferramentas multimedia para facilitar a aprendizaxe dos alumnos, engadindo interactividade e permitindo que estes sexan axentes activos no proceso de formación”.

“Os cursos -apunta o responsable de Docensa- contan con cualidades técnicas, pedagóxicas e didácticas que os converten en excelentes instrumentos de formación: un uso sinxelo, con contidos organizados de forma intuitiva; son autoinstrutivos, con estudos e avaliación ordenados e autónomos; están reforzados con actividades que propoñen ao alumno situacións reais, sobre as que debe reflexionar e traballar; resultan atractivos, e teñen carácter universal, podendo ser empregados desde calquera dispositivo (ordenador, tableta ou móbil)”.

A plataforma é moi intuitiva e de fácil manexo, incluíndo unha guía didáctica, exercicios, casos prácticos e asistencia técnica. Unha vez superado o curso, o alumno poderá descargarse o seu certificado formativo e inscribirse novamente a outro curso que lle interese, tendo a posibilidade de realizar tantos cursos como queira, coa única limitación de non poder realizar dous cursos ao mesmo tempo.

Garantía de igualdade no acceso á formación

Yoya Blanco afirma que “nestas circunstancias de crise sanitaria e económica, esta plataforma supón unha ferramenta esencial para favorecer a formación das persoas desempregadas, mellorar as súas competencias profesionais e os seus itinerarios de emprego e formación e optimizar especialmente a empregabilidade das persoas que teñen maiores dificultades de inserción laboral o de mantemento do emprego”. Ademais, como subliña a concelleira do PSOE, facilita “o exercicio do dereito individual á formación e a garantía de igualdade no acceso das persoas en situación de desemprego a unha formación vencellada ás necesidades do mercado de traballo; a liberdade de elección dos interesados para acceder á formación en base ás súas preferencias, e a diminución da fenda formativa existente, garantindo o acceso dos veciños ás TIC”. “Tamén contribuiremos a mellorar a produtividade e competitividade das empresas locais”, engade a socialista.

Na súa opinión, “a principal vantaxe desta web reside na súa flexibilidade, ao ofrecer formación ‘á carta’, axustable a tódolas axendas e horarios”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.