15 comercios de Marín formaranse en marketing visual e imaxe

A  formación, organizada por APE Galicia e financiada polo Concello de Marín, será individualizada e estará impartida pola experta neste sector, con máis de 20 anos de experiencia, Cany Juncal

O marketing e a identidade visual son unha forma de atraer novos clientes e de fortalecer a imaxe corporativa do negocio. Coa intención de achegar coñecementos e formación neste ámbito ao comercio local, o Concello de Marín, a través de Marín en Rede, e APE Galicia, organizan un curso do que se beneficiarán 15 negocios locais.

A formación foi presentada esta mañá pola representante de APE Galicia, Sonia Acuña; a concelleira de Comercio, Cristina Acuña; a docente, Cany Juncal, e a propietaria de Servilar, un dos comercios que realizarán a formación.

No proceso de selección das persoas que participarán “incluso quedou xente fóra, o que demostra que hai moita demanda este tipo de formación”, explicou a de APE Galicia. Pola súa banda, a encargada da formación explicou que o obxectivo será “facer unha intervención individualizada, para analizar o ADN de cada un dos negocios, detectando carencias e necesidades e así poder enfocar as melloras que precisan”.

Con este traballo, ademais, axudarase ao pequeno comercio a seguir adaptándose ás novas formas de consumo do cliente actual, moi marcadas pola competencia das grandes superficies e do comercio online, ademais de dar pautas das tendencias que están a marcar a imaxe do sector a nivel nacional e internacional.

Desde o Concello e APE están a constatar, en constante diálogo cos comercios e locais que están a realizar os cursos de formación, o bo resultado que están a ter. “Ao final, estamos facilitando que o noso tecido produtivo teña capacidade para adaptarse aos novos tempos, ás novas tecnoloxías e a unha maneira renovada de vender”, asegurou a concelleira.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.