A Cátedra de Memoria Histórica da UDC e o Concello da Coruña abre no CUR o Punto de Atención ás Vítimas do Franquismo e aos seus Familiares

Ao abeiro do convenio asinado entre a Universidade da Coruña e o Concello da Coruña en relación á Cátedra de Memoria Histórica da UDC e o Concello da Coruña, inaugurouse esta mañá o Punto de Atención ás Vítimas do Franquismo e aos seus Familiares (PAVF). No acto estiveron presentes Julio Abalde, reitor da UDC, Jesús Celemín, concelleiro de Educación e Memoria Histórica do Concello da Coruña, Carlos Aymerich, secretario xeral, e Uxío-Breogán Diéguez, director da Cátedra

O PAVF estará ubicado na sede da Cátedra de Memoria Histórica da UDC, no propio Centro Universitario de Riazor (CUR). Ficará atendido polo persoal da devandita Cátedra, equipo formado en materia histórica, xurídica, sociolóxica e criminolóxica (contando tamén con colaboradores especializados en psicoloxía e medicina forense), enfocando o seu labor cara as vítimas do franquismo e aos seus familiares.

Por mor do actual contexto sanitario derivado da COVID-19, as persoas interesadas en achegarse ao PAVF terán que concertar cita previa a través do correo electrónico catedra.memoria.historica@udc.gal.

Esta iniciativa súmase a outras nas que está a traballar a Cátedra de Memoria Histórica da UDC, entre as que destaca o informe xurídico sobre a Casa Cornide ou a organización da exposición “Galiza Mártir. Da queda do tempo republicano ao exilio”, que está a itinerar por Galicia despois de ter estado entre decembro de 2020 e maio de 2021 no Espazo Normal da UDC.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.