A contaminación atmosférica cae en Galicia aos seus niveis máis baixos da última década

A diminución da mobilidade motorizada pola crise da COVID-19 provocou unha mellora xeral da calidade do aire sen precedentes en Galicia e no resto do Estado español. O informe anual de calidade do aire de Ecoloxistas en Acción conclúe que o 29 % da poboación galega respirou en 2020 aire prexudicial para a saúde segundo as recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS

O informe elaborado por Ecoloxistas en Acción analiza, no caso do noso país, os datos recollidos en 57 estacións oficiais de medición da calidade do aire distribuídas por todo o territorio galego, pertencentes a distintas institucións e empresas. Cómpre salientar que a única estación orientada ao tráfico existente na área metropolitana da Coruña, a da Xunta en Riazor, estivo inoperativa durante todo o ano 2020, por causa das obras no novo espazo público Amizar, sen que a Consellería de Medio Ambiente a reubicase, sequera temporalmente.

Entre as principais conclusións para Galicia do informe “A calidade do aire no Estado español durante 2020” salientan:

  • Durante 2020 rexistrouse unha mellora xeral dos niveis de contaminación do aire en comparación co período 2012-2019. Destaca a redución media nun 33% dos niveis de dióxido de nitróxeno (NO2), debido sobre todo á queda da mobilidade motorizada urbana e interurbana. Esta tamén influiu na baixada nun 74% dos niveis de ozono troposférico ou malo, dado que os óxidos de nitróxeno son precursores deste contaminante, que se forma na atmosfera a partir doutros.
  • A diminución dos niveis de contaminación foron moito menores para aqueles contaminantes menos ligados ás emisións do tráfico e máis ás doutras fontes como a industria, malia o efecto positivo do colapso da produción eléctrica con carbón. Así, a redución media dos niveis de partículas inferiores a 10 micras (PM10) foi de só o 9%.
  • En 2020 reduciuse a concentración do canceríxeno benzo(α)pireno (BaP) na estación do polígono industrial da Grela da Coruña, desde os 0,94 ng/m3 (nanogramos por metro cúbico) alcanzados en 2019 a 0,52 ng/m3, por riba da suxestión da OMS (0,12 ng/m3) e por debaixo do valor obxectivo anual establecido pola normativa en 1 ng/m3, que se ten atinxido ou rozado na estación de Riazor en 2017 e 2018 (non hai datos para 2020, como tampouco os hai para A Grela anteriores a 2019). Estas preocupantes concentracións tóxicas no aire coruñés e a súa evolución no tempo parecen relacionadas coas emisións de hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAPs) de Alu Ibérica (antiga Alcoa A Coruña) e Showa Denko Carbon, como vimos denunciando desde 2019. Reclamamos á Consellería de Medio Ambiente un maior número de medicións deste contaminante en todo o país e un estudo específico ao respecto do caso coruñés.
  • Como resultado da caída das concentracións no aire dos principais contaminantes tóxicos, reduciuse a poboación que respirou aire sucio segundo as recomendacións da OMS: o 29% en 2020, fronte á metade en 2019. Se se toman como referencia só os estándares legais, moito menos estritos, a poboación galega non tería respirado aire prexudicial para a saúde durante 2020, o mesmo que aconteceu en anos previos (1).
  • Case todos os 800.000 galegas e galegos que respiraron aire nocivo para a saúde en 2020 viven nas áreas metropolitanas da Coruña e Vigo e en Arteixo, que forma parte da área de influencia da Coruña pero que a efectos de avaliación da calidade do aire considérase de forma particular. A refinaría de petróleo de Repsol e outras industrias, así como e os tráficos urbano e portuario, son as causas da mala calidade do aire nestas zonas.
  • Á marxe das industrias xa mencionadas, tamén se rexistraron niveis prexudiciais de contaminación por partículas e/ou dióxido de xofre (SO2) na contorna doutras industrias, caso de Finsa (Santiago), Megasa (Narón), Cementos Cosmos (Oural-Sarria) e Alcoa San Cibrao.
  • O  decrecemento do transporte e a desfosilización do sector enerxético son ferramentas fundamentais tanto para mellorar a calidade do aire como para reducir as emisións de dióxido de carbono (CO2) causantes da perigosa crise climática. Algo que se puxo especialmente de manifesto en 2020 debido á COVID-19 e á continuación do descenso da actividade das térmicas de carbón iniciado en 2019, que precipitou o peche da central de Meirama (Naturgy) en xuño pasado.

Notas: 1.Na estación Torre de Hércules da Coruña superouse en principio o límite legal para a media diaria de PM10, mais unha vez estimados os descontos por achegas naturais (neste caso aerosois mariños), cumpriuse o estándar legal. Esta situación, repetida ano tras ano, parece aconsellar unha reubicación desta estación.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.