A Coruña e Vigo únense ás cidades contra a volta do turismo dos megacruceiros e as ampliacións dos peiraos

Organizacións veciñais, sociais e ecoloxistas concentraranse o sábado 19 de xuño ás 12h nos peiraos de Vigo, A Coruña, Barcelona, Palma e Valencia para pedir ao goberno español que volva prohibir a entrada dos cruceiros nos portos españois por razóns sanitarias fronte ao covid-19, de saúde pública e de emerxencia climática

España é o segundo país europeo con máis emisións de efecto invernadoiro procedente dos barcos e o primeiro máis contaminado por cruceiros até que o sector cesou a súa actividade pola pandemia en 2020.

En 2019, 11 millóns de pasaxeiros chegaron a bordo de 4.236 cruceiros a España. En Galicia concentráronse nas cidades de A Coruña e Vigo que están situados a tan só 40 quilómetros do Corredor Marítimo de Fisterra. Un corredor polo que navegan 40.000 barcos anualmente. Aínda así, na Coruña proponse ampliar as atracadas de cruceiros coa desafectación dos terreos portuarios situados no centro da cidade e máis aterramentos da ría en Vigo. Unha situación que incrementa as emisións poñendo en alto risco a saúde da poboación.

Ante a recente resolución do goberno central erguendo o veto aos cruceiros desde o 7 de xuño, as organizacións convocantes piden ao Goberno español que rectifique e manteña a restrición por razóns sanitarias, de protección á saúde pública en cumprimento das obrigas climáticas.

Consideran a actividade de cruceiros incompatible coa protección da saúde e o medio ambiente por ser un turismo de altas emisións contaminantes (SOx, NOx e Partículas ultrafinas), por ser unha actividade extractivista polo uso intensivo de recursos naturais como a auga e por ser unha explotación industrial que causa enormes impactos sobre as poboacións destinatarias e os ecosistemas litorais e mariños como os frecuentes danos aos cetáceos.

As organizacións convocantes tamén expresan o seu rexeitamento aos plans de ampliacións de peiraos mediante recheos no mar como os anunciados pola Autoridade Portuaria de Vigo.

Denuncian tamén a operación de maquillaxe verde dos cruceiros e os portos con falsas solución tecnolóxicas como o gas natural licuado, o biometano ou o hidróxeno verde; que ademais de ser inviable, terían enormes impactos climáticos, sociais e ecolóxicos.

Así mesmo instan ás administracións autonómicas e locais a situarse ao lado da cidadanía e o interese común, en virtude das súas competencias sobre medio ambiente, saúde e turismo,empregando todos os medios dispoñibles para oporse ás ampliacións portuarias e ao turismo de cruceiros nas nosas cidades. Unha actividade que pon en risco a nosa calidade de vida e a saúde do planeta, que xera enormes desigualdades nun contexto de fonda crise ecosocial e enerxética, que só favorece os catro oligopolios que controlan o mercado global, que acumulan beneficios astronómicos cada ano a costa da evasión fiscal, a saúde, o planeta e a explotación laboral.

Asemade, as organización fan un chamamento especial á cidadanía para que tomen conciencia dos impactos do turismo de cruceiros e en xeral do turismo de masas baseado na hipermobilidade. Non só por constituír un elemento de risco para a propagación e os novos gromos do covid-19, tamén polos impactos irreversíbeis sobre a nosa saúde e a do territorio. Por iso, piden a implicación activa da cidadanía para que opten por unhas vacacións a favor da economía local e respectuosas co medio ambiente.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.