A Deputación adquire scooters, bicicletas e equipos de comunicación para 20 agrupacións de Protección Civil

O deputado Blas García destaca que este novo programa, consencuado coas agrupacións da provincia,  permite que a Deputación financie o 100% dos materiais e as agrupacións elixan aqueles que máis se adaptan ás súas necesidades

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe a resolución provisional da nova liña de axudas da Deputación da Coruña pola que destina 110.404,48 euros para que 20 agrupacións de Protección Civil adquiran scooters, bicicletas e equipos de comunicación.

Esta subvención, dirixida aos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, divídese en tres lotes. O lote 1, para a adquisición de scooters, foi adxudicado provisionalmente por 49.513,20 euros ás agrupacións de Ames, Betanzos, Negreira, Vimianzo, Boiro, Val do Dubra, A Laracha, Carnota, Muxía e Curtis. O lote 2, para bicicletas, está pendente de adxudicación cun orzamento estimado de 21.000 euros para as agrupacións de Ribeira e Dumbría. No último lote, de equipos de comunicación, consígnanse 39.891,28 euros dirixidos ás agrupacións de Carballo, Bergondo, Muros, Boimorto, A Pobra, Mazaricos, Ares e Abegondo.

O lote para a adquisición de equipos de comunicación foi o que máis solicitudes xerou e, por contar con menor puntuación, están nesta lista de reserva pendentes da adxudicación definitiva as agrupacións de Zas, Coristanco, Boqueixón, Santa Comba, Porto do Son, Miño, Neda e Vilasantar.

O deputado responsable da área de Promoción Económica, Blas García, destacou que se trata da primeira vez que a Deputación convoca este programa, “que se adapta ao que a Agrupación Provincial de Protección Civil e as agrupacións locais nos solicitaron nas distintas reunións que mantivemos”.

“Ata agora, a Deputación daba axudas económicas para financiar a compra de material ao 80%, pero tras escoitar as propostas das propias agrupacións de Protección Civil decidimos cambialo por este novo sistema no que a Deputación adquire e financia os 100% dos materiais e as agrupacións elixen cales se adaptan mellor as súas necesidades”, explicou o deputado.

Blas García destacou a importancia do traballo das agrupacións de Protección Civil na provincia e lembrou que, ademáis destas axudas para adquirir material, disporán tamén dunha de liña de axudas específica para financiar as súas actividades.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.