A Deputación da Coruña entrega un camión 4×4 para traballos de mantemento de estradas en Aranga, Irixoa, Monfero e Vilarmaior

O vehículo supuxo un investimento de 300.000 euros e destinarase a traballos de limpeza de rúas e estradas, usarase como quitaneves e contará con grúa e motobomba para efectuar outros traballos de reparación e mantemento de infraestruturas públicas

A Coruña, 10 de xuño de 2021. O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, entregou hoxe aos municipios que integran a Comunidade Intermunicipal Lambre-Mandeo (Aranga, Irixoa, Monfero e Vilarmaior) un camión 4×4 adquirido pola institución provincial que se destinará a labores de conservación e mantemento de estradas e espazos públicos nestes catro municipios.

No acto de recepción do novo vehículo participaron os alcaldes de Aranga, Alberto Platas, e Monfero, Andrés Feal, e tamén concelleiros de Irixoa e Vilarmaior.

O camión, que está construído en España e que conta cun completo equipamento creado en Galicia, estará dotado dun equipo motobomba para realizar tarefas de limpeza de beirarrúas e marquesiñas, así coma labores de mantemento en vías municipais.

O vehículo conta tamén cunha grúa elevadora para traballos de poda de árbores e reparación nas luminarias públicas; un pulpo con rotor de xiro para recollida de plásticos agrícolas nas explotacións gandeiras e un gravillador para a realización de traballos de conservación das vías municipais dos catro concellos da comunidade.

As características do camión complétanse cunha folla quitaneve e un esparexedor de salmoeira para solucionar os problemas de acceso que no inverno sofren moitas aldeas a causa da neve.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.