A Deputación da Coruña promocionará os produtos ecolóxicos e artesanais da provincia no Festival de La Luz

As empresas interesadas en dar a coñecer os seus produtos no Mercado da Deputación poden presentar solicitudes ata o 2 de xullo

A Deputación da Coruña promocionará, un ano máis, os produtos artesanais e ecolóxicos da provincia no Festival de La Luz, que se celebrará en Boimorto entre os días 10 e 12 de setembro.

A área de Promoción Económica e Emprego do ente provincial anuncia hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a apertura do prazo para que produtores e artesáns que o desexen podan solicitar a súa participación no Mercado da Luz, patrocinado pola Deputación, para promocionar e dar a coñecer produtos ecolóxicos, creativos e innovadores do rural da Coruña. As empresas interesadas poderán mandar a súa proposta á dirección de correo festivaldaluz@dacoruna.gal ata o 2 de xullo.

Como en anteriores edicións, a Deputación reservará tamén un stand propio para promocionar a provincia como destino turístico entre as persoas que asistan ao festival este ano.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, lembrou que “ademais de ser un evento cultural e solidario de referencia, o Festival de La Luz é un escaparate perfecto para dar a coñecer o potencial que teñen os concellos do rural da provincia no ámbito da artesanía, a sostibilidade e a innovación”.

Nesta nova edición do encontro realizaranse demostracións e presentacións e favoreceranse os programas educativos e formativos nos que o medioambiente, o aforro e a sostibilidade teñan protagonismo. Terán ademais prioridade aqueles produtores que pertenzan e asistan baixo a supervisión dunha asociación ou entidade sen ánimo de lucro ou conten con selos oficiais que acrediten e recoñezan os seus produtos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.