A Deputación da Coruña recibe 407 orixinais na XXXIII edición do Premio Torrente Ballester de Narrativa que contará con Manuel Rivas e Ignacio Martínez de Pisón como embaixadores

O pasado 15 de xuño pechouse a convocatoria coa recepción de 330 orixinais na edición de castelán e 77 na de galego. As obras gañadoras deste ano coñeceranse o 10 de decembro tralo fallo dos xurados que se reunirán no Pazo de Mariñán. Rivas súmase a Pisón como embaixador do Premio para conmemorar os 25 anos da publicación de “Que me queres, amor?”, libro gañador do Torrente en 1995

A Área de Cultura da Deputación da Coruña recibiu 407 orixinais nunha nova convocatoria do Premio Torrente Ballester de Narrativa. Nesta XXXIII edición presentáronse 330 obras ao premio en castelán e 77 ao premio en galego. O deputado Xurxo Couto fai unha valoración moi positiva do poder de convocatoria deste premio literario que é “o máis veterano dos que organiza a Deputación da Coruña e que suma xa máis de 13.000 obras recibidas nas 33 edicións convocadas de forma ininterrumpida desde o ano 1989”. Agora comeza o traballo de lectura dos xurados que emitirán o seu fallo o 10 de decembro tras unha reunión no Pazo de Mariñán.

Este ano a Deputación reforza a convocatoria do Premio Torrente cunha programación cultural que reivindica a escritoras e escritores gañadores nos últimos 32 anos. Os dous primeiros serán Ignacio Martínez de Pisón e Manuel Rivas, ambos protagonizarán actividades individuais e conxuntas os días 1 e 2 de xullo na cidade da Coruña. Ademais, Pisón formará parte do xurado do premio en castelán.

Os dous autores serán embaixadores do Torrente para conmemorar que neste 2021 hai 30 anos que Pisón gañou o Premio coa novela “Nuevo plano de la ciudad secreta”; e hai 25 anos que Rivas publicou “Que me queres, amor?”, o libro de relatos en galego co que gañou en 1995. Ademais, Pisón cita a Rivas e o relato «A lingua das bolboretas» en «Partes de guerra», unha antoloxía de trinta e cinco contos que publicou en 2009 construíndo unha especie de novela colectiva sobre a Guerra Civil. Aínda non se coñecen en persoa pero ambos levan anos querendo facelo e será finalmente o 1 e 2 de xullo na cidade da Coruña.

Son dous escritores de referencia na literatura actual e non só comparten o feito de ter gañado o Torrente, senón tamén una admiración mutua que por fin os vai unir en persoa na Coruña, a cidade de Rivas”, salienta o deputado Xurxo Couto.

Un Torrente de Conversas

Con este novo programa de actividades, a Deputación da Coruña quere ir tecendo unha rede de espazos lectores en librarías e bibliotecas que se formalizará en 2022. O obxectivo é visibilizar as obras gañadoras de todos os premios literarios que anualmente convoca a área de Cultura.

A Biblioteca Provincial (Riego de Agua, 37) e a Libraría Moito Conto (San Andrés, 35) da Coruña son os dous primeiros espazos que acollerán “Un Torrente de Conversas”, actividades de balde abertas ao público:

  • Ignacio Martínez de Pisón: 30 anos do Premio Torrente»: xoves 1 de xullo ás 19 h na libraría Moito Conto. Aforo limitado. Reserva de praza na libraría. Presencialmente ou no correo electrónico libreria@moitoconto.com
  • “Roteiro A Coruña literaria de Manuel Rivas”: vernes 2 de xullo ás 17 h con saída da Dársena (detrás do Teatro Rosalía de Castro). O escritor coruñés guiará aos lectores e ao propio Pisón polos espazos reais que aparecen nas súas obras. Duración aproximada de 2 horas. Aforo limitado. Reserva de praza no correo electrónico cultura@dacoruna.gal
  • “Pisón e Rivas. Unha conversa entre dous gañadores do Torrente”: venres 2 de xullo ás 20 h na Biblioteca Provincial. Encontro aberto ao público. Aforo limitado. Reserva de praza no correo electrónico cultura@dacoruna.gal

Todas as persoas interesadas en compartir conversas e paseo con Manuel Rivas e Ignacio Martínez de Pisón xa poden reservar a súa praza.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.