A Deputación de Lugo urxe á Xunta a “poñer en marcha un plan para recuperar a sanidade galega”

A voceira socialista, Pilar García Porto, criticou no Pleno que o Goberno galego “tenta aproveitar a necesidade de loitar contra a pandemia para agochar as deficiencias do sistema sanitario que se viñan denunciando no 2019”

A Deputación de Lugo urxe á Xunta de Galicia a posta en marcha dun plan para recuperar a sanidade galega. Logo de que a pandemia agravase as deficiencias do sistema sanitario autonómico, que se viñan denunciando no 2019, a institución provincial esixe que se traballe para volver á situación anterior á pandemia como un primeiro paso mínimo, segundo unha moción presentada polo PSdeG no Pleno celebrado hoxe que foi aprobada co apoio do BNG.

“A Xunta tenta aproveitar a necesidade de loitar contra a pandemia para agochar as deficiencias do sistema sanitario que se viñan denunciando no 2019. E que carece de ideas para volver á situación anterior á pandemia, que sería un primeiro paso mínimo”, denunciou a voceira provincial socialista, Pilar García Porto. “Seguen enriba da mesa os problemas de Atención Primaria; a perda de especialidades e peches de consultorios no rural; a temporalidade do persoal, sobre todo dos ATS; o colapso das Urxencias ou a incapacidade para atraer profesionais de especialidades como pediatría”, asegurou Porto. A voceira socialista engadiu que “todo iso estaba pendente de amaño antes da Covid, e vai seguir de novo enriba da mesa despois”.

García Porto denunciou que as listas de espera en Atención Primaria chegaron ata os 15 días por motivo da pandemia; que a espera media para operarse na área sanitaria de Lugo é de máis de 79 días, a que máis demora acumula de Galicia xunto con Ferrol; ou que para as probas diagnósticas relacionadas coa otorrinolaringoloxía hai que esperar unha media de case un ano -315 días- cando no 2019 estaba en 90. A voceira tamén apuntou que na etapa de Feijóo na Xunta perdéronse preto de 1.100 postos de persoal sanitario só en Atención Primaria, e que xunto coas xubilacións previstas no 2024 –outros 1.500 profesionais- “é preciso facer un esforzo de contratación”.

Sinalou Porto os problemas de atención pediátrica que sofren os concellos da provincia, como Abadín, Alfoz, Baralla, Becerreá, Castro de Rei, Castroverde, Corgo, Chantada, Foz, Mondoñedo, Outeiro de Rei, Ribadeo ou O Valadouro; ou que as reducións de persoal son a norma en moitos municipios do rural. Denunciou que localidades como Antas de Ulla pasaron de 3 médicos a un; que Baleira ten un só médico, como en Pedrafita do Cebreiro ou en Navia de Suarna, que en verán triplica a súa poboación; que en Carballedo pechouse o centro de saúde de Castro; que Castroverde perdeu un médico; como Palas de Rei e Taboada, onde un dos 3 médicos está de baixa indefinida.

A voceira socialista sinalou tamén a necesidade de reabrir as consultas presenciais nos centros de Atención Primaria, porque as citas telefónicas van en detrimento da calidade na atención aos doentes.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.