A historia dos fidalgos do Pazo de Mariñán ao descuberto

O Arquivo provincial revela os textos nos que se recollen libros de contas, inventarios e un álbum fotográfico que serven de fío condutor para coñecer un pouco máis sobre os que foron propietarios deste monumento

Nunha nova entrega do ‘Documento do mes’, o Arquivo da Deputación da Coruña dá a coñecer a historia dos fidalgos aos que pertenceu o Pazo de Mariñán, entre os que se atopa José María Bermúdez de Castro y Pardo, quen foi presidente da Deputación no 1836.

Ao longo deste ano, o ente provincial difunde textos do seu Arquivo na súa páxina web co obxectivo de desvelar anécdotas e curiosidades históricas da provincia. Nesta ocasión dá continuidade ao documento do mes de maio, que presentaba a herdanza de Gerardo Láncara, dando a coñecer nesta ocasión a vida da súa intricada parentela.

Ao longo dos anos, o Pazo de Mariñán foi pasando polas mans de numerosos fidalgos, tendo a súa orixe en Gómez Pérez das Mariñas. Foi este señor de grandes dominios o que ordenou no século XV edificar unha modesta e tosca fortaleza en Mariñán.

O Arquivo provincial amosa agora os documentos dos libros de contas, inventarios e un álbum fotográfico que serven como fío condutor para coñecer un pouco máis dos que foron os propietarios deste pazo. Neles inclúese o máximo esplendor de Mariñán cos Oca, que acometen as primeiras grandes obras do século XVIII. Ao falecer sen descendencia a filla de don Diego de Oca, o pazo pasa a mans de Josefa de Oca Ulloa, que ao casarse con Pedro Isidro de Yebra Pimentel e Suarez de Deza, señor de Láncara, engade un novo pazo e rendas ao patrimonio familiar.

Xa no século XIX, con don Apolinar Suárez de Deza e Caamaño, señor de Láncara e Bergondo, Mariñán mantén a súa magnificencia arquitectónica e botánica. A seguinte en herdar o patrimonio foron Aurelia Suárez de Deza e Tineo e Francisco, primoxénito de don José María Bermúdez de Castro y Pardo. Os Bermúdez Castro formaron parte da elite política da época isabelina, chegando a ser José María presidente da Deputación da Coruña e alcalde da Coruña. O último herdeiro deste patrimonio provincial foi Gerardo de Láncara, que outorga o testamento a favor da casa de Expósitos da Deputación.

A través desta achega o ente provincial continúa visibilizando o traballo de dixitalización do Arquivo Provincial, de importante valor como parte do patrimonio cultural galego, fonte de información e memoria das sociedades pasadas. As publicacións están comentadas pola historiadora e directora do Arquivo Provincial, Carmen Molina.

Os últimos do ‘Documento do mes’ estiveron dedicados á herdanza de Gerardo Láncara, á expedición de Balmis, á figura de Emilia Pardo Bazán e ao Mosteiro de Caaveiro.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.