A Ruta do Albariño regresa por todo o alto a Meaño e Cambados

Despois da paréntese do pasado ano por mor da crise sanitaria da COVID, a Ruta do Albariño regresa con forza ás estradas da comarca do Salnés. Os concellos de Meaño e Cambados serán o escenario esta fin de semana dunha cita consolidada no calendario ciclista e que na súa oitava edición reunirá ás principais promesas Júnior e Sub21 do noroeste da península ibérica. O pelotón do Memorial Modesto Sánchez Alba ‘Teto’ estará formado por 22 equipos, dez deles chegados dende fóra de Galicia

As dúas intensas xornadas que homenaxean a quen foi unha das figuras máis influíntes na historia do ciclismo galego, foron presentadas este mércores no concello do Meaño. Este acto contou coa presenza do alcalde anfitrión, Carlos Viéitez; da alcaldesa de Cambados, Fátima Abal; do deputado de Deportes da Deputación de Pontevedra, Gorka Gómez; do presidente da Federación Galega de Ciclismo (FCG), Juan Carlos Muñiz; dun dos directores técnicos da FCG, Jose Manuel Abalo; de Ernesto Falcón, presidente do Club Ciclista Cambados; e de representantes da Garda Civil de Tráfico.

Veloso e Almeida

O ciclista Gustavo César Veloso, dúas veces gañador da Volta a Portugal, tamén quixo amosar o seu apoio a este evento participando na súa presentación. O arousán do Atum General-Tavira non foi o único corredor profesional que se dirixiu aos asistentes. O portugués Joao Almeida, unha das grandes figuras do panorama internacional e sexto clasificado na última edición do Giro de Italia, enviou un vídeo lembrando con cariño a súa participación na Ruta do Albariño do 2016.

A edición deste ano repite o seu formato característico. A Ruta comezará o sábado pola mañá (11:00 horas) cun sector individual, unha cronoescalada de 3 quilómetros entre Meaño e o Alto do Busto. Esta primeira xornada completarase pola tarde (17:00 horas) cunha carreira en liña de 63 km, con inicio e final na Rúa Desiderio Abalo de Meaño. Ao día seguinte, a Avenida de Galicia de Cambados, será punto de saída e chegada da última etapa, unha tirada de 92 km.

Como antesala ao inicio da competición, e para cumprir co protocolo sanitario, o venres pola tarde efectuaranse probas de detección da COVID no pavillón de Dena. Os 22 conxuntos participantes reunirán un pelotón que roldará os 150 ciclistas.

A nómina de equipos galegos alcanza a ducia de escuadras: Avanza-O Porriño, Alca-Retelec, Barbanza, Cambre, Cidade de Lugo, Farto, Lasal Cocinas-Louriña, Aluminios Cortizo, Ponteareas, Vigo-Rías Baixas, Supermercados Froiz e Vigués. Por parte do ciclismo portugués, gran dominador da Ruta nos últimos anos, estarán catro formacións: o Seissa, Efapel, Bairrada e Bruno Neves. O resto de estructuras proceden de Asturias (MMR), Castela e León (Emico e Reino de León), Cantabria (Corbatas Pindal e Bathco) e da Comunidade de Madrid (Entrenamiento Ciclismo).

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.