A Universidade da Coruña e a Autoridade Portuaria de Ferrol firman un convenio de colaboración entre ambas entidades

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Indalecio Seijo, asinaron hoxe na Reitoría un convenio de colaboración.

O acordo permitirá que alumnado da UDC, tanto de grao como de posgrao, poida realizar as súas prácticas en instalacións portuarias, dentro dun programa de prácticas de colaboración integradas na súa formación. Será a Autoridade Portuaria a encargada de determinar o número de alumnos e alumnas que participaran en cada convocatoria, así como o seu perfil, o destino concreto e as tarefas que realizarán.

Como é habitual nos convenios de prácticas, crearase unha comisión mixta para o seguimento, coordinación, control e avaliación do programa. O alumnado participante contará con un/unha titor/a académico para o asesoramento metodolóxico e técnico, mentres que a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao nomeará un/unha titor/a profesional para guía e asesoramento.

O reitor incluíu o novo convenio no marco da “intensa colaboración” que vén mantendo o Campus Industrial de Ferrol coa Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao. Abalde indicou que ambas institucións participan en proxectos conxuntos que aspiran aos fondos europeos Next Generation e no Plan Ferrol, en que Universidade e Porto colaboran “para a dinamización da comarca”.

Indalecio Seijo mostrouse convencido de que a incorporación de estudantes será moi frutífera, tanto para eles como para o organismo que preside, “sobre todo pola posibilidade de contar con alumnado do máster de loxística, que xa teñen unha importante cualificación académica e profesional”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.