A Universidade da Coruña e a empresa multinacional GHENOVA alíanse para crear unha Cátedra institucional especializada en industria 4.0

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o director Executivo e CEO da empresa GHENOVA, Francisco Cuervas García, asinaron na Reitoría un convenio para a creación da Cátedra GHENOVA UDC de industria 4.0

Esta Cátedra ten como obxectivo propoñer actividades de formación relacionadas coa industria 4.0 e as novas tecnoloxías implicadas como a robótica, analítica, intelixencia artificial (IA), tecnoloxías cognitivas, nanotecnoloxía e internet das cousas (Iot), así como desenvolver novo coñecemento mediante a investigación nestas áreas. Tamén promoverán actividades de divulgación nas empresas e na comunidade universitaria sobre a transformación industrial que supón a industria 4.0. En particular, fomentarase a relación de colaboración co Instituto Panamericano de Ingeniería Naval, que engloba ás institucións iberoamericanas deste ámbito.

A firma deste convenio é, segundo expresou o reitor, “un fito para o Campus Industrial de Ferrol xa que o desenvolvemento da industria 4.0 é un dos seus eixos de traballo”. Abalde apuntou que a Universidade aporta talento á sociedade, tanto en forma de coñecemento como de profesionais formados nas súas aulas, polo que é fundamental “ir acompañados pola empresa, como neste caso”.

Pola súa banda, o director Executivo de GHENOVA lembrou a longa vinculación que esta multinacional con sede en Sevilla ten con Galicia, con oficinas en Ferrol e Vigo con preto de 150 profesionais. “O noso compromiso con Galicia é total e esta é unha boa forma de devolverlle o moito que nos deu estes anos: o talento”, manifestou Cuervas. “Tanto a empresa GHENOVA como a Universidade da Coruña somos de perfil proactivo”, definiu o CEO da multinacional, polo que probablemente a colaboración entre ambas entidades se prolongará e ampliará no futuro, segundo aventurou o executivo.

Esta nova Cátedra, a número 15 das que actualmente ten a Universidade da Coruña, estará ligada á Escola Politécnica Superior e será dirixida polo profesor Luis Carral Couce.

A transformación industrial, opina Carral Couce, “moi posiblemente estará sustentada na fábrica intelixente, caracterizada pola interconexión de máquinas e de sistemas no propio emprazamento de produción. Tamén se apoiará nun fluído intercambio de información da fábrica intelixente co exterior, en aspectos tan variados como o nivel de oferta e demanda dos mercados, os clientes, competidores e outras fábricas intelixentes”.

“A aparición de novas tecnoloxías como a robótica, a analítica, a intelixencia artificial, as tecnoloxías cognitivas, a nanotecnoloxía e a internet das cousas marcarán o desenvolvemento desta etapa”, conclúe o profesor Luis Carral.

Sobre as Cátedras

As cátedras institucionais, patrocinadas polas empresas, permiten desenvolver actividades non lucrativas específicas de formación, de divulgación, de transferencia de coñecemento e de investigación nos ámbitos de interese común para a empresa e a Universidade.

Cátedras

Cátedra ALDABA WIB: Women, ICT & Business

Cátedra Cosme Álvarez de los Ríos (Navantia)

Cátedra Emalcsa

Cátedra Epifanio Campo

Cátedra everis de Transformación Dixital

Cátedra Fundación Inade – Xestión do Risco e o Seguro

Cátedra Handytronic – Grupo Telecon

Cátedra HM de Traumatoloxía do Deporte

Cátedra Inditex-UDC de sustentabilidade

Cátedra Jorge Juan

Cátedra Luis Fernández Somoza para a internacionalización dos estudos de Economía e Empresa na UDC

Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias

Cátedra R en Ciberseguridade UDC-UVIGO (Interuniversitaria)

Cátedra SXD Galicia Activa

Sobre GHENOVA

GHENOVA é unha empresa internacional que ofrece servizos multidisciplinares de enxeñaría e consultaría con máis de 500 empregados, dos que o 80% son enxeñeiros. As liñas de negocio son Naval e Defensa, Enerxía e Industria, Transformación Dixital e Infraestruturas. Traballa en proxectos internacionais en máis de 25 países, desenvolvendo 900.000 horas de enxeñaría e consultaría ao ano.

Conta con sedes en diferentes países como Brasil, Colombia, Bolivia e Australia. En España ten oficinas en Madrid, Ferrol, Vigo, Puerto de Santa María e Sevilla, onde se encontra a sede central da compañía.

A aposta pola diversificación, a sinerxía entre as áreas de negocio e a innovación continua sitúan a GHENOVA entre as empresas líderes de enxeñaría en Europa e Iberoamérica. A experiencia acumulada ao longo de máis de 25 anos de actividade, os bos resultados e, sobre todo, a confianza dos clientes, contribúen a que siga medrando nos sectores tecnoloxicamente máis exixentes.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.