A Xunta reforza a oferta de FP na provincia de Lugo con 5 novos másteres e 14 ciclos duais

Nos réximes ordinario e modular incorpóranse seis novos ciclos que suman 136 prazas. O prazo de solicitudes estará aberto ata os días 2 ou 5 de xullo, dependendo da modalidade  escollida

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade  reforzou a oferta de Formación Profesional na provincia de Lugo con cinco novos másteres e 14 proxectos na modalidade dual que comezarán a impartirse no curso 2021-2022.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou que os másteres supoñen unha nova proposta que consolida a excelencia do modelo de FP en Galicia, ofrecendo a posibilidade de especializarse en profesións de alto valor engadido.

Lugo contará con cinco másteres e convértese na segunda cidade galega con maior oferta desta nova formación -só superada por Vigo, con seis-. En concreto, vanse impartir no CIFP As Mercedes os de Mantemento de vehículos híbridos e eléctricos e Dixitalización do mantemento industrial; no CIFP    Politécnico, os de Ciberseguridade en contornos das tecnoloxías de operación e Fabricación aditiva; e  no IES Muralla Romana o de Desenvolvemento de videoxogos e realidade virtual.

Así mesmo, a Consellería implantará unha formación experimental no CIFP Porta da Auga de Ribadeo sobre a construción e mantemento  de embarcacións  de fibra, deportivas e de recreo, en virtude dun convenio cunha empresa da contorna.

Na FP dual darán comezo 14 proxectos en sete institutos da provincia. O IES de Foz, o CIFP As Mercedes e o Politécnico -ambos en Lugo- ofertan tres ciclos cada un; o IES A Pinguela de Monforte de Lemos dous, e inician unha nova proposta o IES Val do Asma de Chantada, o IES San Rosendo de Mondoñedo e o CFEA Pedro Murias de Ribadeo.

Por último, nos réximes ordinario e modular para persoas adultas –presencial e a distancia– incorpóranse seis novos ciclos que suman 136 prazas na provincia. Como é habitual a oferta de FP flutúa para adaptarse ás necesidades do tecido produtivo e ás características da poboación de cada zona, o que supón unha oportunidade laboral para os titulados. No novo mapa desaparecen ou modifícanse algúns ciclos, se ben a oferta permanece en datos moi similares. En total, a Consellería ofrece en Lugo nos réximes ordinario e modular 4.220 prazas en primeiro curso, en 165 ciclos e programas formativos autorizados.

A modificación da oferta nace dun proceso de diálogo coa comunidade educativa, no que as peticións foron analizadas pola Inspección educativa dos centros, tendo en conta a oferta global de Galicia en cada ciclo, a demanda do alumnado, a inserción de cada ciclo e as necesidades do tecido produtivo.

Calendario de admisión

O prazo de presentación de solicitudes nos réximes ordinario e para as persoas adultas  permanecerá aberto ata o 5 de xullo ás 13 h. A matriculación da primeira adxudicación de prazas comezará o 20 de xullo ás 9 h., ata o 26 de xullo ás 13 h. A continuación, unha vez se comproben as prazas que quedaron vacantes, procederase á segunda adxudicación de prazas, cuxo período de matrícula irá do 28 de xullo ás 9 h. ao 30 de xullo ás 13 h.

Tamén nos másteres de FP  o prazo de presentación de solicitudes rematará o 5 de xullo ás 13 h., e o de matriculación do 20 de xullo ás 9 h. ao 26 de xullo ás 13 h.

Canto á FP Dual, a presentación de solicitudes será ata o 2 de xullo ás 13 h. O período de selección por parte da empresa colaboradora e do centro educativo irá do 8 ao 14 de xullo, e as persoas finalmente seleccionadas poderán matricularse do 16 de xullo ás 9 h. ao 23 de xullo ás 13 h.

O calendario detallado pode consultarse no Portal de FP.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.