ABANCA dá unha nova vida ás redes de pesca abandonadas nas costas galegas

Redeiras artesás de Corme e Malpica transforman as redes abandonadas en material para utilizar en porterías e outros elementos deportivos

ABANCA presentou este martes en Vigo, coincidindo coa conmemoración do Día Mundial dos Océanos, o proxecto Redes Vivas. A iniciativa consiste en recuperar redes de pesca abandonadas para transformalas en material de uso nos campos deportivos.

A responsable de Sostibilidade de ABANCA, María García, explicou que “esta actuación forma parte da liña de acción ambiental do plan de sostibilidade do banco, que se desenvolve baixo o selo Sentir Planeta ABANCA”.

Na presentación tamén participaron a directora de Marketing de ABANCA, Susana Ortiz; as redeiras artesás de Malpica Carmen Villanueva e Ángeles Millé, e Saray Sanmartín e Jonathan Vila, capitáns dos equipos feminino e masculino do Club Balonmano Porriño, un dos clubs que se benefician da iniciativa.

Redes Vivas é un proxecto integral que terá continuidade no futuro. Abarca todo o proceso de recuperación das artes de pesca, desde a súa reciclaxe ata a súa colocación en canchas e campos deportivos de clubs patrocinados polo banco no marco do seu programa ABANCA Deporte Base, unha iniciativa que chega cada ano a case 20.000 deportistas de preto de 1.700 equipos.

A acción ten un impacto positivo en tres das liñas estratéxicas do banco: sostibilidade, xa que contribúe ao coidado do medio ambiente e fomenta a economía circular; promoción da economía local e os sectores produtivos, achegando innovación e visibilidade a un oficio tradicional e artesán realizado maioritariamente por mulleres, e apoio ao deporte, dotando de material aos clubs galegos.

A directora de Marketing de ABANCA, Susana Ortiz, explicou na presentación que a idea xurdiu como resposta á preocupación da sociedade e do sector pesqueiro polo incremento exponencial de residuos no mar. “Do coñecemento da nosa unidade especializada ABANCA Mar e a súa estreita relación cos colectivos do mar, xunto co contacto que temos cos clubs a través do noso programa de apoio ao deporte, xorde esta colaboración coas redeiras de Malpica e Corme, que conseguen dar unha nova vida a estas artes de pesca nos campos”, indicou.

Os aparellos recuperados serán utilizados en seis disciplinas deportivas das 34 que apoia o banco a través do programa ABANCA Deporte Basee: fútbol, balonmán, fútbol sala, hóckey patíns, kaiak polo e hóckey herba. Ata o momento recicláronse 1.384 quilos de redes extraídas das costas, que se transformaron, grazas ao traballo das redeiras, en 1.514 m2 de material deportivo. As novas redes servirán para renovar 78 porterías de 39 clubs das catro provincias galegas. As redeiras artesás de Malpica Carmen Villanueva e Ángeles Mille mostraron a súa satisfacción por poder colaborar cun proxecto deste tipo, que ademais de coidar a contorna, permite achegar innovación e dar a coñecer e visibilizar o traballo que realizan.

Durante o acto tamén se fixo unha entrega simbólica das primeiras redes recuperadas aos capitáns dos equipos masculino e feminino do Club Balonmano Porriño, un dos clubs deportivos que van utilizar este novo material froito da reciclaxe.

Compromiso ambiental

O coidado do medio ambiente e a protección da biodiversidade é unha das prioridades do Plan de Acción de Banca Responsable e Sostible presentado polo banco o pasado mes de maio. A entidade marcouse como obxectivo alcanzar a neutralidade en carbono da súa actividade en 2024 e as cero emisións atribuíbles á súa carteira en 2050.

Con este fin, deu un impulso a proxectos nos que xa estaba a traballar para reducir o impacto negativo da súa actividade no medio ambiente. Entre outras medidas, tanto ABANCA como a súa Obra Social, Afundación, consomen enerxía 100% renovable desde 2020, realizouse o cálculo da pegada de carbono do banco e estase deseñando un plan de redución e compensación de emisións. Ademais, elaborouse unha estratexia para mellorar a eficiencia enerxética e a xestión dos residuos que xera.

Tamén se potencian outras iniciativas de voluntariado e sensibilización ambiental realizadas en colaboración con Afundación, como a reforestación, a retirada de especies invasoras ou a limpeza das costas e os fondos mariños, que este ano se canaliza de maneira prioritaria a través do Plan de conservación territorial- ON (PLANCTON), impulsado pola Obra Social de ABANCA en colaboración coa Fundación Biodiversidade e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

O plan de sostibilidade do banco contempla, así mesmo, o apoio á actividade económica sostible, onde o proxecto Redes Vivas ten un impacto positivo claro ao promover un oficio artesán e tradicional como é o das redeiras que favorece a economía local das localidades costeiras galegas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.