Club de Tiro San Roque e a área de deportes da Deputación, presentaron a “Copa de Tiro Olímpico Deputación de Lugo”

O 18 de xullo disputarase en Viveiro a primeira edición “Copa de Tiro Olímpico Deputación de Lugo”, organizada polo Club de Tiro San Roque coa colaboración da área de Deportes. O deputado Efrén Castro e o presidente do club viveirense Juan José Casabella, presentaron a competición coa que se retoma, despois de varias décadas, o título provincial

A proba consistirá en tiradas de 150 platos máis unha final olímpica na que participarán os seis mellores tiradores. As incricións para participar na proba están abertas –a través de Whatsapp ao 616933646- ata o xoves 15 de xuño. A organización estima que o torneo reunirá en Viveiro uns 60 participantes de Galiza e do Occidente asturiano.

O deputado Efrén Castro explicou que “desde a Vicepresidencia da Deputación apoiamos a organización de copas provinciais noutras disciplinas, como o atletismo ou o piragüismo, que ao longo dos anos contribuíron a facer medrar a base deses deportes. Cremos que, no caso do tiro ao plato, a posta en marcha de competicións deste tipo tamén pode ser un aliciente para conseguir ese dinamismo a nivel deportivo. Tamén valoramos o impacto social e económico que o evento pode supoñer para Viveiro”, engadiu.

Juan José Casabella agradeceu o apoio da área de Deportes á organización da proba que, sinalou, “supón un respaldo importante para parte social do club”.  Argumentou ademais que “a proba poñerá en valor o campo de Tiro de San Roque, que é o único da provincia con foso olímpico. A Copa será un escaparate para traermos ata aquí máis tiradores”.

Deportes traballa tamén na tramitación dun convenio para financiar obras de mellora do campo de tiro viveirense, unha infraestrutura singular xa que é a única da provincia que dispón de foso olímpico e das poucas do noroeste peninsular – xunto ao das Pontes e Xixón- que dispón de dúas canchas para organizar competicións federadas.

As obras, que se executarán en dúas fases, incluirán a substitución da cuberta do foso olímpico e no acondicionamento do local social. Ademais, reformarase a entrada ao recinto para mellorar  a súa accesibilidade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.