Comeza o peche da gran fábrica de cambio climático de Galicia, a central de carbón das Pontes

A que foi a principal fábrica de cambio climático do Estado e unha das maiores de Europa pasará a situación de dispoñibilidade a partir do 30 de xuño. Até 2019 a térmica de carbón das Pontes xeraba unha cuarta parte das emisións galegas de CO2 e aínda en 2020 botou máis dun millón de toneladas á atmosfera

A partir de mañá 30 de xuño a central de carbón de Endesa nas Pontes pasará a situación de dispoñibilidade para o sistema eléctrico. Non se desconectará aínda da rede, mais apenas funcionará. Isto supón o comezo do fin da que ten sido unha das maiores fábricas de crise climática de toda Europa.

O cesamento practicamente total da actividade da maior central de carbón española, despois do peche da central de Meirama en 2020, é un enorme logro na loita contra a emerxencia climática global desde a nosa terra. Até 2019, as emisións de dióxido de carbono (CO2) da térmica de carbón das Pontes, equivalentes ou superiores ás de moitos pequenos estados, representaban un 25% das emisións totais de gases de efecto invernadoiro de Galicia.

Aínda en 2020, coa súa actividade xa moi reducida, a central de carbón de Endesa foi o maior foco emisor de gases causantes de cambio climático de Galicia, xunto coa fábrica de alúmina-aluminio de Alcoa en San Cibrao, lanzando un millón de toneladas de CO2 á atmosfera (1).

O abandono do carbón é un grande avance na transición enerxética pero non o seu fin. A propia Endesa non deixará de producir electricidade sucia nas Pontes. A central de ciclo combinado con gas fósil situada á beira da de carbón, operativa desde 2008 pero con escasa actividade até o colapso do carbón, converterase nos próximos anos nunha das maiores fábricas galegas de crise climática.

O gas fósil non pode converterse no novo carbón, como está a acontecer. Se se compara a xeración eléctrica galega de 2020 coa de 2015, o gas cubriu un 20% da redución da produción con carbón. Unha porcentaxe que tería sido moito maior se 2020 tivese sido un ano con baixa xeración renovábel (por menores precipitacións e vento) e de non ter baixado moito o consumo eléctrico por causa da COVID-19 (2).

Coas centrais eléctricas de gas fósil das Pontes e de Sabón (Arteixo), e cos outros grandes centros de transformación de enerxía fósil asentados no noso país, a refinaría da Coruña e a regasificadora de Mugardos, cómpre non repetir os mesmos erros que están a marcar negativamente o peche das centrais de carbón.

O negacionismo da necesidade urxente de abandonar todos os combustibles fósiles (na xeración eléctrica xa antes de 2030), deixar totalmente en mans do mercado e do oligopolio enerxético as decisións sobre o momento dos (inevitables e desexables) peches, e renunciar desde os poderes públicos á planificación con suficiente anticipación dunha transición xusta para os traballadores e traballadoras e para as comunidades locais, son erros que non deberían repetirse no futuro.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.