Concello A Coruña, Afundación, e ABANCA distribuirán durante as vacacións de verán menús a escolares de familias vulnerables

A alcaldesa, Inés Rey, e o presidente de Afundación e director xeral de Responsabilidade Social e Sostibilidade de ABANCA, Miguel Ángel Escotet, asinaron esta mañá en María Pita un convenio de colaboración para a posta en marcha do programa Cubertos

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, acompañada da concelleira de Benestar Social e Igualdade, Yoya Neira, e o presidente de Afundación e director xeral de Responsabilidade Social e Sostibilidade de ABANCA, Miguel Ángel Escotet, asinaron esta mañá en María Pita un convenio de colaboración para a posta en marcha do programa Cubertos, que proporcionará 150 menús saudables ao día a menores en risco de pobreza ou exclusión social durante as vacacións escolares. O obxectivo desta iniciativa de Afundación e ABANCA, en colaboración co Concello da Coruña, é apoiar ás familias máis vulnerables, especialmente afectadas pola crise da COVID-19, garantindo ás nenas e aos nenos unha alimentación saudable durante o verán.

A alcaldesa, Inés Rey, agradeceulle á entidade ABANCA e á súa fundación que se fagan cargo do financiamento destas axudas durante o período estival co fin de axudar ás familias con máis necesidades económicas da cidade. Deste xeito, Benestar Social non suspenderá o programa de bolsas comedor durante os meses de verán. Rey destacou a posta en marcha desta colaboración como mostra do seu compromiso coas persoas máis vulnerables, “conscientes do impacto económico que continúa provocando o coronavirus”. Lembrou que nos dous anos de mandato, “este Goberno local destinou 8 millóns de euros a axudas a entidades sociais da cidade”.

Habilitaranse 5 puntos de recollida na cidade para facilitar a accesibilidade das familias, con localizacións que se acomoden ás súas necesidades. Os menús prepáranse seguindo as recomendacións da Estratexia NAOS da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN), que engloba accións para inculcar hábitos de vida saudables a través da alimentación e o exercicio. Con este obxectivo, os menús, elaborados en empresas galegas especializadas e supervisados por nutricionistas, son equilibrados e orientados á idade e gustos dos menores e prepáranse con produtos frescos de provedores locais. Ademais, na elaboración dos menús atenderase ás necesidades específicas dos nenos e nenas participantes con intolerancias, alerxias ou outras particularidades.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.