Deputación e Fundación Paideia impulsan o voluntariado social en países europeos para a mocidade galega

No programa do 2020 participaron 169 mozos e mozas da provincia coruñesa de entre 18 e 30 anos

A Deputación da Coruña colabora coa Fundación Paideia para impulsar o voluntariado social en países europeos, un programa que se dirixe á mocidade desempregada da provincia. O ente provincial apoia un ano máis á entidade a través do financiamento das actividades formativas e informativas do programa.

O convenio, a través do que a Deputación da Coruña achegará 17.000 euros -o 70% do custo total da iniciativa- será aprobado mañá no pleno provincial.

No 2020 participaron neste voluntariado un total de 169 mozos e mozas coruñeses de entre 18 e 30 anos, dos que 133 procedían da cidade da Coruña e o resto dos municipios de Arteixo, Betanzos, Boiro, Brión, Camariñas, Cambre, Carballo, Carral, Culleredo,A Laracha, Miño, Noia, Oleiros, Ribeira, Rois, Sada e Santiago.

Este ano a iniciativa volverá a achegar a 300 mozos e mozas á oportunidade de saír ao estranxeiro para mellorar as súas competencias persoais e profesionais. Como novidade, este ano farase especial fincapé nas zonas rurais da provincia.

“O voluntariado social non só contribúe a abrir novos marcos e perspectivas vitais, senón que tamén potencia o espírito emprendedor”, destacou o presidente provincial, Valentín González Formoso, que tamén sinalou que “este tipo de accións contribúe a promover unha cultura participativa e solidaria”.

O programa consta de dúas fases, a primeira delas conformada por actividades formativas e de contextualización que proporcionarán información técnica e práctica previas á saída dos e das participantes. A segunda, ao regreso,explicará as posibilidades de proxección no mundo laboral do aprendido coa experiencia. O periodo de voluntariado vai desde os 6 aos 12 meses de duración.

A través deste proxecto, a Deputación e Paideia facilitarán a 300 mozos e mozas galegos, de entre 18 e 30 anos, a información e formación necesarias para poder participar nunha experiencia de voluntariado social, traballando na elaboración de cartes de motivación, formularios, acceso a plataformas en liña ou busca en páxinas web.

As formacións incluirán tamén sesións lingüísticas e socioculturais para facilitar a aterraxe no país de destino, así como asesoramento en temas prácticos como poden ser os seguros de viaxe, os dereitos e deberes durante o voluntariado ou a preparación referente aos aspectos persoais e interculturais e aspectos específicos do voluntariado.

Por outra parte, as accións formativas dirixidas a 20 mozos e mozas ao seu regreso da experiencia, permitirán traballar en materias como convalidación de títulos ou preparación de documentos, como o currículum, que faciliten a súa inserción laboral.

Malia que habitualmente se prima a formación presencial nestas actividades, nas circunstancias actuais, marcadas pola pandemia, fomentarase a metodoloxía en liña a través dunha plataforma que permitirá ademais responder en tempo real. O programa tamén se adaptará á evolución epidemiolóxica europea, atendendo á súa situación e adaptándose a esta.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.