Elena Candia destaca que a IXP Terras do Navia “dará un valor engadido á economía da Montaña”

A presidenta provincial do Partido Popular e deputada autonómica, Elena Candia, destaca a IXP Terras do Naviadará un valor engadido á economía da Montaña”. A popular expresa o seu agradecemento á Xunta de Galicia, que “dende o minuto demostrou unha gran sensibilidade con este proceso para poñer en valor este selo e dar así un pulo á produción dos caldos de Negueira, Navia e A Fonsagrada”.

“Deste xeito, dáse continuidade a un proceso liderado por un Goberno do PP”, afirma a presidenta, que lembra que, recentemente, “os deputados lucenses nunha visita realizada en marzo á adega Panchín, situada en Negueira de Muñiz, xa anunciabamos que levariamos este asunto ao Parlamento de Galicia para impulsar a inclusión dos viños da bacía do río Navia no rexistro europeo de denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, o que suporá o seu recoñecemento oficial”. Candia volve así a poñer en valor a produción vitivinícola desta zona que cada vez acada un maior peso tanto en calidade como en cantidade.

A IXP é aplicable aos viños brancos, producidos de uvas de godello, albariño, loureira, treixadura, torrontés e branca lexítima. No caso dos tintos, será o serodio, mencía, merenzao, brancellao, caíño tinto e loureiro tinto. A etiqueta incluirá os caldos de todo Negueira. No caso de Navia, serán os producidos nas parroquias de Castañedo, Muñís, Mosteiro e A Ribeira e, en Fonsagrada, as de Cereixido, Lamas de Moreira, Monteseiro, San Martín de Suarna, Vilabol de Suarna e Vilar de Cuíña.

O proceso ao detalle

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde da consellería de Medio Rural, a través da que se adopta a decisión favorable. O proceso iniciouse en decembro de 2020 coa solicitude de rexistro da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Terras do Navia. Con esta publicación dábase publicidade ao prego de condicións desta nova IXP, o que supoñía un primeiro paso de cara a súa inscrición no rexistro europeo. A solicitude publicárase tamén no Boletín Oficial de España (BOE) do pasado día 3 de decembro e, logo, abriuse un prazo, que finalizou o vindeiro 22 de febreiro, para que calquera que teña a consideración de interesado poida presentar alegacións.

Os trámites para a inscrición desta indicación xeográfica iniciounos a Asociación para a Defensa das Variedades Autóctonas e do Viñedo da Ribeira do Río Navia, que representa a un incipiente sector vitivinícola que ten interese en distinguir os seus viños no mercado cun indicativo de calidade. Unha vez comprobado que se cumpren os requisitos legais, elaborouse o prego de condicións, que establece que esta IXP será aplicable a viños brancos e tintos elaborados exclusivamente con uvas de determinadas variedades, todas elas autóctonas.

A posta en marcha desta denominación facilitará a comercialización das producións da zona e servirá para potenciar outras actividades económicas nese territorio, nomeadamente as relacionadas cos servizos turísticos. Por outra parte, a potenciación das nosas producións agroalimentarias e, en particular, as acollidas aos diferentes indicativos de calidade favorece a economía da comunidade autónoma. Unha vez superado o período de alegacións, o expediente será remitido ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para o seu envío á Comisión Europea. Alí será analizado e sometido a outro proceso de oposición, este xa a escala da UE, con publicación no Diario Oficial da Unión Europea. Superado este proceso produciríase a inscrición formal no rexistro, pero previamente, unha vez que pase polo trámite a nivel español, pódese activar a denominada «protección nacional transitoria», mecanismo que permitiría que a indicación xeográfica se puidese usar en España mentres continuase o proceso de tramitación da inscrición a nivel europeo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.