Gran éxito de participación na cuarta edición da Primavera no Camiño Inglés

Máis de 2.000 persoas tomaron parte no evento, organizado pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés e a Deputación da Coruña

Máis de 2.000 persoas tomaron parte na cuarta edición de Primavera no Camiño Inglés, celebrada esta fin de semana na praza de Armas de Ferrol e organizada pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés e a Deputación da Coruña. Manuel Mirás, presidente da Asociación, amósase moi satisfeito polo “gran éxito de participación e de organización que permitiu poñer en valor os numerosos atractivos que presenta o Camiño Inglés a nivel patrimonial, cultural, paisaxístico e gastronómico xusto cando volven despegar as visitas de peregrinos por mor do dobre Ano Santo Xacobeo”.

De feito, Mirás Franqueira apunta que “a última hora da tarde, unha ducia de peregrinos de Portugal, Sevilla e Valencia se achegaron ao recinto feiral e quedaron encantados con todo o que viron que tiñan ao seu alcance durante os próximos días”. Unha vez rematada a iniciativa é o momento de facer contas e Manuel Mirás explica que “ao final o tempo acompañou, pois non choveu pero tampouco fixo un día de calor abafante, o que de seguro animou a numerosos veciños e veciñas de Ferrolterra a achegarse polas carpas de Primavera no Camiño Inglés e desfrutar, sobre todo, cos showcookings e os obradoiros infantís”.

Showcookings ata a bandeira

As corenta prazas dispoñibles para cada showcooking cubríronse facilmente e nalgúns mesmo houbo ocasión de facer unha segunda quenda, como aconteceu coa degustación de máis de 10 quilos de troitas de Oroso con pan de Carral, culminado cun postre caseiro de Casa Xacobe. O mesmo aconteceu coa presentación da “Miniburguer peregrina do Eume”, onde Antonio Díaz, de Foodtruck Autga, explicou a importancia de traballar con produtos do km 0. Xa pola tarde, moitos visitantes saíron xa merendados grazas á maridaxe de queixo e requeixo de Campo Capela con pan de Neda e unha sesión especial programada polo Concello de Ferrol co chef Dani  López, do Restaurante Camiño Inglés.

Outras das actividades máis concorridas durante toda a xornada foron os obradoiros infantís, onde houbo que organizar varias quendas para tentar separar ao gran número de nenos e nenas que desexaban participar. Dous dos máis aplaudidos foron o obradoiro de barro do Concello de Mesía e o taller de cerámica do Concello de Fene. Tamén foi moi concorrida a exhibición do Can Peregrino, da man do Club Can de Palleiro.

Unha participación que tería sido moito maior de non ser polas medidas anticovid aplicadas en todo o momento no recinto feiral. Así, tanto a participación nos showcookings como nos obradoiros infantís, estaban limitados a un número determinado de persoas. “Somos conscientes de que nun ano normal esta afluencia se tería duplicado ou triplicado facilmente, pero tamén sabemos valorar que é o noso primeiro gran acto despois da pandemia e celebramos tamén que empezamos a volver á normalidade e que comezan a chegar peregrinos polo Camiño Inglés para desfrutaren desde dobre Ano Santo Xacobeo”, apunta Mirás Franqueira.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.