Impulso aos investimentos por valor de máis 20M€ para dinamizar a economía da Coruña

A alcaldesa, Inés Rey, sinalou que esta cifra se suma aos 50 millóns de euros que se autorizaron nas últimas catro xuntas de goberno para proxectos, obras e licenzas, “nun momento en que isto resulta especialmente relevante”

A alcaldesa, Inés Rey, compareceu hoxe tras a Xunta de Goberno para anunciar a aprobación de investimentos por valor de máis 20 millóns de euros, o que se une ás últimas catro xuntas, en que se autorizaron proxectos, obras ou licenzas por máis de 50 millóns de euros, “un exemplo da dinamización económica da Coruña, nun momento en que isto resulta especialmente relevante”. A aceleración no ritmo de concesións de permisos e a axilización nas contratacións públicas é unha constante desde o principio do mandato e queda reflectido, segundo Rey, no medio centenar de actuacións de calado que están en marcha repartidas por todos os barrios. Por un lado, na xunta deúselle luz verde á solicitude formulada por Hijos de Rivera SL para construír a nova sede da empresa na Grela, deseñada por Gallego Jorreto, coa edificación da parcela núm. 1 da rúa José María Rivera Corral, onde anteriormente estaba o centro comercial Comcor.

A licenza de Estrella Galicia está valorada en preto de 13 millóns de euros e súmase a unha segunda en Someso, que a XGL lle outorgou a Habitat SAU e que ascende a 6,9 millóns para contruír un novo bloque de vivendas de 16 plantas co que se completará a urbanización do barrio. Rey destacou que o desenvolvemento de Someso e Xuxán dará resposta a parte da demanda de vivenda na cidade, e, en concreto, a pisos de protección oficial, xa que está prevista a construción de até 1.400 vivendas desta natureza.

No ámbito de benestar social, o Concello concedeulle un terreo no parque de Eirís á Fundación Monte do Gozo, responsable de Proxecto Home, para que estableza a súa sede, “unha entidade que reforzará o noso tecido asociativo ao lles dar apoio ás persoas con adiccións”, explicou a rexedora, quen apuntou que “todo o que sexa aumentar a presenza de colectivos que traballan en prol das veciñas e veciños máis vulnerables é unha boa nova para a cidade e responde a unha das máximas deste Goberno”.

Ademais, anunciou a suspensión polo prazo dun ano das licenzas de demolición e nova edificación no número 4, da rúa Sinagoga, en que se atoparon restos arqueolóxicos dun interese que supera amplamente o da gran maioría das casas da súa contorna, todas elas integradas no Conxunto Histórico da Cidade Vella. Rey recordou que a súa arquitectura pode documentarse entre os séculos XII a XVIII e que por iso o Concello iniciará a súa catalogación e tomará medidas co fin de garantir a súa protección.

Por último, no eido deportivo, a Xunta do Goberno Local autorizou un convenio de 200.000 euros coa entidade Asociación de Fútbol Afeccionado da Coruña para fomentar a práctica deportiva, o que pon de manifesto “a implicación deste Goberno coa importancia do deporte base e do fútbol modesto”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.