Inaugurado o novo local da AECC en Lugo

A Deputación achegou 12.000€ para o equipamento do novo local

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asistiu este martes á inauguración do novo local da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) na capital lucense, un centro para mellorar a atención a familiares e enfermos nun ambiente non hospitalario. A institución provincial achegou 12.000€ para financiar o equipamento deste centro pioneiro no que, cun enfoque integral e multidisciplinar, a AECC trata de mellorar a calidade de vida dos pacientes e dos seus achegados.

Tomé Roca, acompañado polo Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, coñeceu as novas instalacións da AECC en Lugo guiado pola presidenta da asociación, Mariluz Abella. Xunto aos responsables provinciais asistiron á inauguración a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez López, a concelleira de Desenvolvemento Local e Emprego de Lugo, Ana González Abelleira, a concelleira de Benestar, Inclusión e Maiores de Lugo, Olga López Racamonde, a vicerreitora do Campus Terra, Monserrat Valcarcel, a Xefa Territorial de Sanidade en Lugo da Xunta de Galicia, Begoña Seco, o director do INE en Lugo, José Manuel Colmenero, e diferentes directivos e integranres da asociación.

A Deputación, que financiou o equipamento de cadeiras, mesas, armarios, librarías, padiolas de exploración e diferentes accesorios imprescindibles para a posta en funcionamento destas instalacións, tamén destina 6.000€ anuais para apoiar o funcionamento da AECC, que conta en Lugo con 5 traballadores: 1 psicóloga, 1 traballadora social, 1 logopeda externo, 1 coordinador de voluntariado e 1 responsable de marketig e comunicación.

Este centro realiza actividades de prevención, atención psicolóxica, social e logopédica, tarefas de acompañamento, conferencias, charlas e obradoiros. A AECC en Lugo tamén presta especial atención a aquelas persoas que precisan apoio financeiro ou préstamos para equipos ortopédicos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.