Máis de 250 lucenses menores de 21 anos xa poden viaxar gratis nos autobuses interurbanos de toda Galicia gracias á tarxeta Xente Nova

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que está dirixida aos menores de 21 anos e que na provincia poden adquirirse en máis dunha vintena de oficinas de Abanca

Un total de 252 mozos e mozas lucenses menores de 21 anos adquiriron a tarxeta Xente Nova o pasado mes de maio, a gran maioría nunha semana, dende que o día 21 entrou en vigor a medida que estende a gratuidade do transporte interurbano a toda Galicia, circunstancia que ata agora só se daba nas áreas de transporte metropolitano, na provincia de Ourense e en 13 concellos da área de Pontevedra.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, subliñou que os datos avalan o éxito da iniciativa, xa que nos meses anteriores as solicitudes oscilaban entre as 14 do mes de  febreiro e as 29 tarxetas expedidas na provincia no mes de xaneiro, e hai que remontarse a setembro e outubro do pasado ano para atopar cifras similares, cando co inicio do curso académico se solicitaron 191 e 94 tarxetas respectivamente.

A data de hoxe figuran 2.657 tarxetas expedidas na provincia de Lugo, o 40% delas na capital (1.075 en concreto). A continuación figuran, por número de usuarios adheridos, os concellos de Friol (con 110 tarxetas Xente Nova expedidas), Vilalba (84), Monforte de Lemos (74), Outeiro de Rei (74), Viveiro (69), Guitiriz e Sarria, ambos con 58.

Arias explicou que a tarxeta Xente Nova é unha medida social da Xunta “está dirixida aos menores de 21 anos e ofrece a posibilidade de viaxar de balde na rede do transporte público de Galicia, ao abeiro dos contratos subscritos pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade coas compañías que cobren os distintos servizos”.

Engadiu que na provincia “hai máis dunha vintena de sucursais de Abanca -a entidade financeira colaboradora- na que poden adquirirse tanto esta tarxeta como a tarxeta moedeiro TMG. Esta última, lembrou, é de uso xeral e garante un desconto mínimo do 10% no prezo da viaxe, que pode chegar ata o 50% no caso de desprazamentos recorrentes”.

Primeiros pasos

Para empezar a empregalas cómpre cargar a tarxeta cun saldo inicial co que se aboarán as viaxes e posteriormente será reintegrado no dispositivo. Na páxina web www.bus.gal pode ampliarse a información relativa a este dispositivo e as vantaxes que leva asociadas, así como o listado de todas as sucursais habilitadas para a súa expedición e os servizos de transporte existentes en cada concello, cos correspondentes horarios e rutas.

A tarxeta Xente Nova permite realizar cada mes ata 60 viaxes interurbanas gratuítas. A súa recarga pode efectuarse nos caixeiros de Abanca ou nas oficinas habilitadas para expedila e tamén de xeito telemático mediante a banca móbil ou electrónica da citada entidade.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a traballar actualmente para que os usuarios poidan levar esta tarxeta directamente no móbil e facer as recargas sen necesidade dun caixeiro.

A tarxeta Xente Nova é unha iniciativa social de fomento do transporte público que a Xunta puxo en marcha no ano 2016 nas áreas de transporte metropolitano para permitir a gratuidade no transporte público a menores de 19 anos.

Posteriormente elevouse o tope de idade ata os 21 anos; no mes de xuño do pasado ano ampliouse á provincia de Ourense e a concellos da área de Pontevedra, e agora amplíase a cobertura a toda Galicia cos obxectivos de contribuír á economía das familias e facilitar o acceso dos mozos a servizos básicos como a educación, especialmente a non obrigatoria, ao tempo que se fomenta o uso do transporte público e, polo tanto, unha mobilidade máis sustentable e limpa entre os máis novos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.