Máis de medio millón de aves mariñas pasan pola Coruña na primavera

A costa coruñesa forma parte dun dos principais corredores migratorios de aves mariñas do planeta

Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA), acaba de dar a coñecer os primeiros resultados do seu seguimento do paso migratorio de aves mariñas na punta de Estaca de Bares na primavera, traballo que destaca que máis de medio millón de aves mariñas pasan por esta zona nesta época do ano tan só durante as horas de luz.

Estes traballos de investigación desenvólvense dentro de ARTABRO2 continuación do proxecto Aves Ártabras do Ceida, e é a primeira vez que se recompilan datos deste proceso migratorio na punta de Estaca de Bares de maneira tan intensiva durante todo o ano. Esta zona forma parte do corredor migratorio cántabro-atlántico, unha das principais «autopistas» de aves mariñas do planeta e tal vez a máis importante do Atlántico Norte, percorrido por millóns de aves mariñas procedentes dos destinos máis dispares de todo o mundo.

É ben coñecida a importancia deste lugar para o paso migratorio que acontece no outono, despois da tempada de cría; porén, é menos coñecido o volume do paso migratorio por este corredor durante o paso primaveral, no que moitas destas aves regresan despois do inverno ás súas áreas de cría en Europa, para dar inicio á tempada de cría. A punta de Estaca de Bares, pola súa situación xeográfica e a forma na que penetra no mar (o punto máis ao norte da Península Ibérica) constitúe o principal lugar para observar este paso migratorio, chegando a ser un punto único en Europa para a observación de aves mariñas desde terra.

Principais datos das investigacións

As investigacións do CEIDA nesta época comezaron no mes de febreiro, tiveron unha duración de 3 meses e continuarán ata finais de ano. Nestes primeiros tres meses, nos que se estudiou o paso migratorio primaveral, realizáronse 53 xornadas de censo e 221 horas de observacióncon estes resultados:

O número de especies e diversidade é menor que no paso outonal, pero aínda así puido comprobarse que acada tamén relevancia internacional: contáronse nesas 220 horas entre febreiro e maio 109.638 aves de 40 especies, estimándose a partir destes datos que durante o total de horas de luz dese período pasaron máis de medio millón de aves (total de 530.410). Adquire especial relevancia no caso do mascato e a gaivota escura, especies nas que durante a primavera pasa unha porcentaxe moi relevante da súa poboación europea e mundial.

As principais especies que pasaron pola Punta da Estaca de Bares son:

●      Gaivota Escura (Larus Fuscus): o número de indineviduos contados equivale ao 6,67% da poboación adulta da especie na Unión Europea e a estimación do total que tería transitado durante estas costas durante as horas de luz destes tres meses supera a terceira parte de dita poboación europea.
●      
Mascato (Morus Bassanus): o número de individuos contados equivale equivale ao 2% da poboación reprodutora da especie na Unión Europea e a estimación total que tería transitado nas horas de luz neste período aproxímase ao 10% da poboación mundial.

Ademais, hai datos curiosos doutras especies como:

●        Melanitta nigra: pentumeiro común, diríxense ao norte de Escandinavia e Siberia.

●        Phalacrocorax carbo: corvo mariño grande, procedente das Illas Britanicas, norte e centro de Europa.

●        Thalasseus sandvicensis: carrán cristado diríxense ás Illas Britanicas, norte e centro de Europa, procedentes de

●        Larus ridibundus, gaivota chorona, diríxense ás Illas Britanicas, norte e centro de Europa.

●        Calonectris borealis: pardela cincenta, proceden das illas da macaronesia (Canarias, Azores, Madeira)

●        Puffinus mauretanicus: furabuchos balear, diríxense ás illas Baleares, de onde é endémica.

●        Puffinus puffinus: furabuchos atlántico: diríxense ás Illas Británicas dende as súas zonas de invernada no Atlántico Sur, fronte a Arxentina.

Proxecto ARTABRO2

Estas investigacións enmárcanse na continuación do proxecto Aves Ártabras do CEIDA, unha iniciativa que busca a declaración dunha Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) no Golfo Ártabro, mellorando o coñecemento científico das poboacións de aves mariñas presentes no Golfo Ártabro e as ZEPA mariñas da provincia da Coruña e propoñendo medidas de xestión integral que permitan compatibilizar a súa conservación coas actividades pesqueiras e litorais. Este proxecto tivo a súa primeira fase durante o ano 2019 e ten a súa continuación neste 2021, co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, a través do Programa Pleamar, cofinanciado polo FEMP.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.