Morre o último dos pitiños das cegoñas brancas da Praza Maior de Ourense

As organizacións ecoloxistas Amigos das Cegoñas e Ecoloxistas en Acción Ourense denuncian que aconteceu unha morte que se podería ter evitado. Lembran que foron reiteradas as xestións feitas por eles, distintos escritos e denuncias, reunións e chamadas, para que as administracións competentes actuaran para remediar a situación do aniñamento sobre o guindastre da grúa das obras da constructora Copasa na praza Maior de Ourense

O pasado xoves, Amigos das Cegoñas e Ecoloxistas en Acción Ourense deron aviso urxente pola crítica situación na que se podían atopar os polos despois das tormetas acaídas eses días. Alertando de que, desde ese día, o pitiño da grúa da Praza Maior presentaba escasa ou nula mobilidade.

Hoxe luns, os membros de Protección Civil de Ourense mediante as imaxes tomadas por un dron confirman a inmobilidade do único polo que a parella de cegoñas conseguira sacar adiante. Ao longo da mañá achegáronse un par de técnicos da Xefatura Territorial de Ourense da Consellería de Medio Ambiente, pero desbotan subir á grúa para comprobar a situación do polo.

Ante a inacción da Xefatura Territorial da Consellería, Ecoloxistas en Acción contacta co servizo municipal de bombeiros para que se encarguen eles de acceder ao guindastre. Os bombeiros municipais achéganse ate a grúa da Praza Maior, pero tampouco acceden ao niño pola falta de medios para subir a tal altura. Finalmente, é un técnico de mantemento da grúa, autorizado pola empresa que fai as obras do museo arqueolóxico, quen sube a comprobar a situación do polo “Alas”, así se chamaba, e constata a súa morte.

A última acción das organizacións ecoloxistas fora solicitar amparo á Valedora do Pobo ante a falta de vontade da Consellería de Medio Ambiente para velar pola integridade do niño desta especie de ave protexida.

Amigos das Cegoñas e Ecoloxistas en Acción non queren que esta situación se repita nos vindeiros anos e, por iso, solicitan de xeito urxente reunión con Victoria Méndez, xefa territorial da Consellería de Medio Ambiente. As organizacións ecoloxistas desexan coñecer cal será o protocolo de actuación para que os vindeiros aniñamentos desta aves na cidade de Ourense non rematen en traxedia.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.