“O alcalde do Pino ignora á Valedora do Pobo”

A alta institución galega confirma ao PSOE do Pino que incluirá no seu informe anual o nome de Manuel Taboada Vigo como persoa que non cumpre coas súas obrigas legais

O alcalde de O Pino, Manuel Taboada Vigo, do PP, volveu a ignorar o recomendado pola Valedora do Pobo que, ata en tres ocasións este ano, recordoulle que, “tódolos membros das Corporacións Locais teñen dereito a obter do Alcalde tódolos antecedentes ou informacións que obren en poder dos servizos da Corporación e resulten precisos para o desenvolvemento da súa función”.

Os feitos remóntanse ao pasado 28 de outubro onde a Valedora, tras a queixa do PSOE, efectuaba o primeiro recordatorio de deberes legais ao Alcalde, reiterando a mesma recomendación os días: 4 de xaneiro, 9 de febreiro, e, por último, o 9 de abril. Requirimentos que sempre foron ignorados por parte do rexedor do Pino.

Transcorridos os prazos establecidos sen contestación de ningún tipo, a alta institución galega vén de confirmar ao PSOE local que incluirá no seu informe anual, que remite ao Parlamento, o nome da institución e nomes das persoas que incumpren coas súas obrigas legais.

Taboada desafía á Valedora do Pobo

Para o voceiro do Grupo Socialista do Pino, Óscar Vilar, “a postura do alcalde é un claro desafío á Valedora do Pobo e, por tanto, unha gran falta de respecto ás altas institucións galegas, motivos máis que suficientes para que o PP provincial, con Diego Calvo á cabeza, non fique mudo”.

O PSOE lamenta esta situación e xa estuda emprender accións xudiciais para dar plena efectividade aos seus dereitos, indicando que, “o informe da Valedora non fai máis que corroborar o que vimos denunciando durante todo este mandato, o comportamento caciquil do PP do Pino”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.