O BNG A Coruña leva ao Pleno unha moción contra a nova tarifa eléctrica “por ter un impacto negativo nas persoas consumidoras”

O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, vai defender no Pleno do vindeiro 8 de xullo unha moción contra o decreto 148/2021 en virtude do cal se estabelece a metodoloxía de cálculo dos cargos do sistema eléctrico

A xuízo do BNG, a reforma que implica este decreto xera un “impacto negativo” nos consumidores e consumidoras, nomeadamente naquelas persoas adheridas xa con anterioridade ao sistema de discriminación horaria. “Na Galiza hai máis de medio millón de fogares adheridos a esta modalidade que verán como a súa factura experimenta un aumento que pode chegar a superar o 30%”, apunta Jorquera.

A formación nacionalista quer o apoio do Pleno para instar o Goberno a que rectifique e abra un novo proceso de regulación da tarifa eléctrica máis xusto social e territorialmente.

Socialmente, aplicando á factura eléctrica o tipo do 4% no IVE –a electricidade é un ben de primeira necesidade e non un luxo- e eliminando o imposto especial da electricidade.

Do punto de vista territorial, o que cómpre, sinala o BNG, é beneficiar aqueles territorios que, como Galiza, son produtores de enerxía. Como? Compensando o forte impacto ambiental e social que sofren cun abaratamento dos prezos. Ou sexa: introducindo a tarifa eléctrica galega.

A iniciativa que defenderá Jorquera visa tamén que se modifique a Lei 24/2013 do sector eléctrico, de modo a estipular o prezo da electricidade en función dos custos de xeración de cada tecnoloxía (e non como agora en función do prezo máis caro de produción).

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.