O BNG de Castroverde avoga pola municipalización do SAF ante a inestabilidade do servizo

Iria Castro, portavoz municipal do BNG: «No vindeiro pleno seguiremos insistindo que o SAF volva a ser público, vése que a privatización non é a fórmula para garantir un servizo público de calidade»

BNG en Castroverde solicita ao goberno municipal que aclare a situación do Servizo de Axuda no Fogar ante a súa inestabilidade e propón a municipalización deste servizo.

A empresa adxudicataria do SAF ‘Asistencia Castroverde’ comunicou ás traballadoras o impago de salarios e o peche da empresa, polo que queda nun baleiro neste momento tanto o servizo como o futuro laboral das traballadoras e traballadores. Hai que destacar que esta empresa xa tivo problemas recentemente sobre un suposto caso de explotación laboral cando xa estaba prestando o servizo ao Concello de Castroverde.

Neste senso, a portavoz municipal do BNG en Castroverde, Iria Castro, insta ao goberno municipal a que dispoña de información tanto ás traballadoras e traballadores como á oposición de cales son as medidas que está executando o gobeno municipal ante esta problemática, con énfase no futuro laboral das traballadoras e traballadores.

Iria Castro declarou «é inaceptábel a desatención por parte do goberno municipal coas traballadoras e traballadores do SAF, está deixando na máxima precariedade ás traballadoras e traballadores como o propio servizo do que dependen tantas persoas para poder conciliar e ter unha vellez digna».

Iria Castro fixo fincapé en que a única maneira de garantir a calidade e a estabilidade do servizo é municipalizar de novo o servizo «no vindeiro pleno seguiremos insistindo que o SAF volva a ser público, vése que a privatización non é a fórmula para garantir un servizo público de calidade».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.