O BNG felicita a Pedro Castillo pola súa vitoria nas eleccións de Perú

A Executiva do Bloque subliña que “se trata dun importante avance na loita popular en Latinoamérica”

A Executiva Nacional do BNG traslada ao candidato de Perú Libre, o profesor Pedro Castillo, os seus parabéns pola súa vitoria fronte á filla do ditador, Keiko Fujimori, nas eleccións de Perú celebradas en segunda volta o pasado 6 de xuño. “A vitoria de Castillo é un paso moi importante no avance da loita popular en Latinoamérica e exemplo de suma de forzas da esquerda como o acordo post electoral antes da segunda volta asinado con Verónika Mendoza, en representación de Juntos por el Perú, no que se definiron liñas estratéxicas pola igualdade e a transformacións social”, subliñan.

Para o Bloque, a confirmación da vitoria do candidato de Perú Libre, tras o escrutinio do 100% dos votos, supón asemade “a vitoria do Pobo fronte á corrupción”, xa que non se pode esquecer que a Fiscalía pide para Fujimori 30 anos de prisión por lavado de activos e organización criminal, ademais dos seus intentos de anular votacións de poboacións enteiras contrarias ao seu partido.

O BNG quere expresar, asemade, o seus parabéns ao Pobo peruano por exercer o seu dereito democrático de escoller ao seus gobernantes con valentía e por riba das presións exercidas pola elite económica limeña en favor de Keiko Fujimori. “Estamos diante dun exemplo claro de que só o pobo salva ao pobo”, manifesta a coordinadora de Relacións Internacionais do Bloque Ana Miranda.

Por outro lado, a Executiva Nacional do BNG alerta das tentativas de desestabilización nas rúas e nas diversas reclamacións postelectorais por parte dos apoiantes de Fujimori que están fortemente contestadas polos seguidores da esquerda, nomeadamente en Lima, e chama ao recoñecemento internacional da vitoria de Castillo e ao respecto da soberanía popular do Pobo de Perú.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.