O BNG levará ao Congreso os atascos diarios nos accesos á Coruña provocados polas obras na AC-12

“O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana ten que articular articular as medidas precisas para que moverse cada día pola área metropolitana non sexa unha trampa”

O BNG das comarcas da Coruña e das Mariñas ve con suma preocupación o grave problema de atascos de tráfico que se están a producir a diario, especialmente nas horas punta, nos accesos á Coruña a causa das obras de soterramento da circulación na AC-12 ao seu paso por Perillo que, logo de meses de retrasos, veñen de dar comezo.

Esta preocupación vaise traducir na presentación no Congreso dunha iniciativa que levará a sinatura do noso portavoz no Parlamento estatal, Néstor Rego, e por medio da cal instaremos o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a que articule as medidas precisas para que moverse cada día pola área metropolitana non sexa unha trampa.

Para o BNG non é de recibo que a cidadanía que diariamente se ten que desprazar á Coruña por razóns laborais, académicas ou doutro tipo teña que ser “a refén” dun deseño a todas luces mal planificado na execución dunha obra demandada desde hai tantos anos.

O Bloque das comarcas coruñesa e mariñá pregúntase se o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que dirixe José Luis Ábalos puxo a funcionar todos os recursos e alternativas de que pode dispor para garantir que o impacto sobre a mobilidade sexa o menor posíbel mentres se acometan os traballos.

O BNG cre necesario esclarecer se foron contempladas cuestións como garantir a máxima dispoñibilidade posíbel de axentes da Garda Civil de Tráfico para regular a circulación, deseñar a execución de obra en quendas de traballo, incluídas as nocturnas, ou ter en conta os horarios de máxima afluencia de vehículos nas horas punta para diminuír ou interromper aqueles traballos que máis directamente poidan afectar o decorrer do tráfico.

Foto portada: (arquivo)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.