O centro Europe Direct da Deputación da Coruña convoca un concurso de fotografía sobre o futuro da Unión Europea

As imaxes poderán presentarse ata o 23 de xuño e deberán simbolizar a Europa que queremos para o futuro

O centro Europe Direct da Deputación da Coruña organiza a oitava edición do concurso de fotografía “Cidadáns europeos en Galicia”, que este ano se convoca baixo o lema “Miradas cara ao futuro de Europa”.

Nun ano no que a Comisión Europea convida á cidadanía a debater sobre a Unión que queremos na Conferencia sobre o Futuro de Europa, o concurso busca participar nese intercambio de ideas, trasladando a unha imaxe as ideas, valores e proxectos dos que queremos dotar á UE nas vindeiras décadas.

Por iso, as fotografías deberán encadrarse nos temas chave da Conferencia sobre o Futuro de Europa: cambio climático e medio ambiente; saúde; economía forte, xustiza social e emprego; a UE no mundo; valores e dereitos, estado de dereito e seguridade; transformación dixital; democracia europea; migración e educación, cultura, mocidade e deporte.

As imaxes deberán incluír un elemento que represente á Unión Europea, como poden ser os seus símbolos, cores representativas, os seus valores ou logros da integración europea.

As persoas interesadas en participar deben enviar unha ou varias imaxes ao correo electrónico cidadanseuropeosengalicia2021@gmail.com.

O concurso, que se convoca xunto ao centro Europe Direct de Lugo, premiará os tres mellores traballos cunha tablet ou premio de valor equivalente. O prazo de presentación de traballos está aberto desde onte luns, 31 de maio, e remata o 23 de xuño ás 14 horas. Poderán participar todas as persoas residentes en Galicia que sexan maiores de 18 anos.

As fotografías deberán enviarse en formato JPG e cunha resolución mínima de 300 píxeles, acompañadas do formulario de inscrición.

Toda a información está dispoñible aquí

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.