O Concello da Coruña eleva a consulta pública o anteproxecto da Ordenanza municipal de conservación e rehabilitación de inmobles

A cidadanía poderá achegar as súas suxestións a través da web municipal durante os próximos 15 días co fin de elaborar un texto definitivo que permita axilizar os trámites e se adapte ás novas normativas autonómicas

O Goberno local eleva a consulta pública o anteproxecto da nova Ordenanza municipal de conservación e rehabilitación de inmobles co fin de que a cidadanía participe na súa elaboración definitiva e achegue as súas suxestións a través do portal web do Concello da Coruña. Deste xeito, as veciñas e veciños poderán opinar publicamente nos próximos 15 días sobre todo o referente á inspección técnica dos edificios (ITE), os procedementos de declaración de ruína, a execución subsidiaria, o rexistro de soares e edificios a rehabilitar e mais os procedementos que teñen por obxecto a emenda das súas deficiencias de conservación e/ou mantemento. Desde o servizo de Rehabilitación e Vivenda recordan que as materias están reguladas na actualidade polo texto refundido da ordenanza de conservación e rehabilitación de inmobles, que substituíu á anterior norma do ano 2006 e cuxa aprobación definitiva se publicou no BOP da Coruña o 28/11/2011. O obxectivo principal da nova ordenanza é adaptar a regulación municipal dos procedementos que teñen por obxecto o cumprimento dos deberes de conservación dos inmobles á actual normativa autonómica.

Con esta medida, o Goberno de Inés Rey quere facilitarlle á veciñanza o procedemento de cara a rehabilitar e conservar as súas vivendas e contribuír así á posta en valor do noso patrimonio, unha premisa que vai da man da recuperación do espazo público. O Concello traballa en colaboración coa Xunta na documentación necesaria para continuar cun plan de dinamización que contará coa participación de todos os axentes implicados na revitalización da zona antiga e recollerá as medidas previstas, o seu custo e o financiamento para levalas a cabo.

Por outra parte, convocou axudas municipais para a mellora da eficiencia enerxética e a accesibilidade nos edificios de vivendas cun importe de 2,6 millóns de euros.

SUBSANAR DEFICIENCIAS

Desde Vivenda destacan que o cambio vén tamén da necesidade de solucionar certas incidencias que se producen na tramitación ordinaria, motivadas xa non só polos cambios de normativas, senón por diversas deficiencias como a presentación de documentación insuficiente ou a falta de adaptación á normativa da administración electrónica por parte de persoas obrigadas. Este tipo de atrancos inciden na eficacia e eficiencia necesarias para o exercicio das competencias municipais nesta materia.

Por outro lado, o texto refundido que está en vigor na actualidade mantense no que atinxe ao deber de conservación, en tanto que as únicas modificacións que se efectuaron, nos anos 2017 e 2018, afectaron ao seu título VI, en que se regulaban as axudas á rehabilitación. Así mesmo, o seu artigo 1, segundo parágrafo, artigos 9 e 10, ese título VI (artigos 84 ao 110), o título VII (artigos 111 ao 119), dedicado ao fomento de obras de accesibilidade e soterramento de cableado, e as súas disposicións adicionais primeira, segunda, terceira e quinta, foron derrogados expresamente pola Ordenanza municipal reguladora da concesión de axudas para a conservación e rehabilitación de edificios de vivendas aprobada definitivamente polo Pleno do Concello o 10/09/2020 (BOP do 19/10/2020).

Polo tanto, a nova ordenanza adecuarase ás modificacións que introduciron as normas mencionadas e depurará a súa redacción logo de terse derrogado de forma expresa parte do seu articulado.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.