O Grupo Socialista pide á Xunta máis formación, persoal e investigación para afrontar con “eficiencia e coñecemento” as enfermidades raras

Julio Torrado insta ao Sergas a incorporar un exoesqueleto ao seu catálogo de servizos como alternativa terapéutica para os pacientes de atrofia muscular espinal (AME)

O voceiro de Sanidade do Grupo Socialista vén de pedir á Xunta máis formación, persoal e investigación para afrontar “con eficiencia e coñecemento” as enfermidades raras. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Sanidade do Parlamento logo da comparecencia do director xeral deste campo.

Ante a estratexia galega contra as enfermidades raras, Torrado sinalou que o goberno galego é “conformista”. Así, incidiu en que “hai que ser máis ambicioso” e “dentro do posible, ir un pouco máis lonxe” e traballar en “tres eixos”: formación e información, especialización dos tratamentos e potenciación da investigación.

En primeiro lugar, o responsable socialista reivindicou a formación como “moi necesaria” porque “evita as peregrinacións polo sistema”, un problema “habitual” que orixina demora nas diagnoses. Así, lamentou que esta “necesidade” non se cumpra no Sergas xa que “co nivel de saturación dos profesionais” é “difícil que poidan dedicar tempo á formación”.

“Os recursos e a capacidade dunha persoa, por moita vontade que teña en formarse, son os que son”, destacou, logo de incidir en que o volume e recursos humanos do Sergas é “ineficiente”.

En canto á especialización dos tratamentos, Torrado sinalou que se trata dunha “decisión política”, xa que “o único que falla, novamente, é persoal”. Nesta liña, puxo en valor as unidades funcionais multidisciplinarias que se puxeron en funcionamento logo de que o PSdeG as reivindicase “durante anos” no Parlamento.

“Necesitamos máis investigación para afrontar con máis eficiencia e coñecemento as enfermidades raras”, reivindicou o voceiro socialista, que loou as achegas do goberno de España ao campo da investigación durante este ano “no que aumentaron os recursos notablemente”. “Queremos que isto non se perda agora”, sinalou, xa que “nos dous últimos anos do orzamento do Sergas en prepandemia, reduciron o investimento en investigación sanitaria nun 11%”.

Nesta liña, subliñou que “é importantísimo aumentalo”, xa que malia que “non todo é para enfermidades raras”, estas vense beneficiadas destes investimentos.

Noutro orde de cousas, Torrado pediu ao goberno galego que incorpore, dentro do catálogo de servizos do Sergas, un exoesqueleto para traballar cos pacientes con atrofia muscular espinar (AME), xa que estes mecanismos, desenrolados por unha spin off do CSIC que contan con investimento estatal, “axudarían a estes pacientes a xerar movemento”. “Supón un gran avance da ciencia”, concluíu.

Falla de diálogo e consenso na elaboración da estratexia

Por último, o responsable socialista criticou a falla de diálogo da Xunta de Galicia cos grupos parlamentarios logo de que estes coñeceran a estratexia galega contra as enfermidades raras tan só a través dos medios de comunicación.

“Gustaríanos ter documentación ou informes para poder debater sobre algo palpable e non deixar este debate en xeneralidades”, xa que “non entendemos non ter un documento do que temos que debater”, censurou Torrado, quen concluíu o seu relato reivindicando o papel dos grupos na Cámara: “Sorpréndenos que non pretendan escoitar as ideas que poidamos propoñer”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.