O programa de observación de aves “Voando nas Rías Baixas” arranca este domingo

Vinte persoas participarán nesta actividade de observación de aves no espazo situado nos límites dos concellos de Silleda, Forcarei e A Estrada, que está declarado Zona de Especial Conservación e protexido pola Rede Natura 2000

Volven as rutas ornitolóxicas que promove a Deputación de Pontevedra. A cuarta edición do programa “Voando nas Rías Baixas”, que a institución provincial desenvolve xunto con SEO Birdlife para dar a coñecer a riqueza ornitolóxica da provincia e concienciar sobre a preservación de espazos naturais protexidos, arranca con todas as prazas completas este domingo 20 de xuño para a primeira sesión de observación de aves nas Brañas de Xestoso, que se estenden polos concellos de Silleda, Forcarei e A Estrada.

As Brañas de Xestoso son un espazo declarado Zona de Especial Conservación, protexido pola Rede Natura 2000, e cunha magnífica representación das serras baixas interiores da provincia de Pontevedra, con diferentes e valiosos ecosistemas como brañas, prados húmidos, turbeiras, matorral baixo, rochedos, carballeiras e a Lagoa Sacra de Olives. Nos meses de primavera estes diferentes ecosistemas son os hábitats ideais para observar e escoitar especies como a escribenta amarela, escribenta riscada, laverca, tordo charlo, trigueirón ou especies migratorias procedentes de África como o picanzo vermello, pica dos árbores, cuco ou bubela. Así mesmo, é un magnifico lugar para as rapaces, como a tartaraña cincenta, gatafornela, águia cobreira, miñato abelleiro e falcón peregrino entre outras.

A excursión estará conducida por dous experimentados guías ornitolóxicos de SEO Birdlife Pontevedra. Como recomendacións para as persoas participantes, aconséllase levar roupa cómoda e calzado apropiado para moverse polo campo, así como protector solar. Cada participante terá á súa disposición prismáticos de observación de aves, así como dous telescopios terrestres de alta gama para poder desfrutar das aves sen molestalas. Tamén recibirán como material didáctico unha Guía de aves, así como unha lista de aves para que elaboren a súa lista durante a ruta. No caso daquelas persoas que dispoñan de prismáticos e guías de campo recoméndase que os leven, ao igual que unha pequena libreta para aprender a facer un caderno de campo.

Despois desta primeira ruta, o resto continuarán a partir do mes de setembro. Así, o día 5 celebrarase a actividade na Serra do Cando, (Cerdedo-Cotobade, Forarei, A Lama e Beariz)

e as inscricións abriranse na web da Deputación a partir do 23 de agosto. O 23 de outubro terá lugar a ruta polo Complexo Intermareal Umia-O Grove (O Grove, Sanxenxo, Meaño e Cambados), para a que as persoas interesadas poderán apuntarse desde o día 11 dese mes, e o 14 de novembro celebrarase a actividade na Enseada de San Simón (Redondela, Soutomaior, Pontevedra e Vilaboa), coas inscricións abertas desde o día 2. “Voando nas Rías Baixas” concluirá o 19 de decembro coa ruta polo Estuario do Río Miño (A Guarda) e pola Foz da Ramallosa (Nigrán). Neste caso, as persoas interesadas poderán anotarse desde o 7 de decembro.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.