O VigoBikeContest acolle a batalla polos títulos galegos de Enduro

O Campionato autonómico reunirá este domingo en Saiáns a case 200 riders

‘Fai Enduro e non a guerra’ é o lema elixido polo VigoBikeContest para o seu regreso á acción. Iso si, a parroquia viguesa de Saiáns será o escenario este domingo dunha batalla deportiva no evento organizado polo Singletrack Outdoor Sports. Unha loita entre moitos dos mellores riders do panorama estatal na que estarán en xogo os títulos autonómicos.

O Campionato Xunta de Galicia desta especialidade do BTT celébrase exactamente unha semana despois de que o Enduro autonómico exhibira o seu potencial no Campionato de España de Montefaro. Os pilotos galegos colgáronse doce medallas, catro delas de ouro, e a maioría dos que subiron ao podio en Mugardos buscarán repetir éxito en Vigo.

Marco Veiga, subcampión estatal, e Nicolás Carrera, campión de España sub23 e defensor da coroa galega, encabezan o cartel dos case 200 inscritos na VigoBikeContest. O naronés do Ciclos Quintena e o vigués do Team Justbikes-Transition non serán os únicos aspirantes á vitoria absoluta. Nas quinielas, ademais de especialistas como Paul Thiebaut (Ciclos Quintena), o local Francisco Vilaboa (Máis Que Bicis), Santos Lemos (Grupetta Pan Zarko) e o sub23 David Fernández (Avanza-O Porriño), aparecen dous corredores chegados doutras modalidades do ciclismo aos que lles favorece a esixencia física dos tramos: Mauro González (Salvaterra) e Jorge Punzón (Cosmos).

Entres as mulleres, cinco candidatas buscarán subir ao chanzo máis alto do caixón: as elites Isabel Castro (Condado Bike), Gemma Chapela (VK Bikes) e Eva Castro (Ciclos Quintena), a máster-30 Estefanía Cabarcos (Rocasport) e a cadete Lucía Piñeira (Pontebike).

Ás 8:30 horas comezarán a darse as saídas dende o Parque Forestal de Saiáns. O primeiro sector cronometrado (Pistolero) realízase nunha única ocasión, mentres que o TC2 (Castachís) e o TC3 (Bochistaña) se repiten para completar o desafío contra o reloxo de cinco treitos.

Tras terse que cancelar no 2020, ao igual que o Campionato de Galicia, o Enduro da VigoBikeContest cambia este ano a súa localización habitual en Coruxo debido aos traballos de recuperación que se están efectuando nos montes que arderon de xeito dramático no 2017.

XCO e Mini BTT

O BTT autonómico ten outras dúas citas esta fin de semana. O sábado o Open de Galicia de Cross Country Olímpico (XCO) alcanza a súa terceira xornada co XII BTT de Maceda. As carreiras na proba que exerce de Copa Deputación de Ourense arrancan ás 16:00 horas.

O domingo chegará a quenda das promesas máis novas no Mini BTT de Poio. Ás 10:00 horas porase en marcha no Monte da Escusa a sexta edición deste evento do Poio Bike.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.