Oleiros abre o prazo de solicitude do permiso para facer fogueiras en San Xoán

O Concello de Oleiros abriu o prazo de solicitude de autorización para realizar fogueiras a noite de San Xoán. Debido á situación sanitaria non se permitirán laradas nas praias nin tampouco sobre o asfalto, nin en zonas verdes municipais
En todos os casos é imprescindible solicitar autorización no Concello de Oleiros. Si estará permitida a realización de laradas en fincas privadas e a utilización de grellas particulares ou aquelas que hai nos espazos públicos para asar sardiñas ou carne. Igual que outros anos, o Concello tamén permitirá a bares e restaurantes facer sardiñas dentro dos límites das súas respectivas terrazas.
O último día para presentar as solicitudes no Rexistro Xeral de Entrada do Concello de Oleiros será o 22 de xuño. Ademais de cubrir o documento deberá achegarse un plano de situación do lugar no que se vai realizar a fogueira e unha fotocopia do DNI da persoa responsable.