Persoas usuarias do centro que COGAMI en Mos traballan nunha obra conxunta que representa a diversidade do Camiño de Santiago

Os centros de COGAMI situados nos concellos de Silleda, Pontevedra e Mos, traballan en diferentes disciplinas artísticas co fin de achegarse á arte e á diversidade das rutas dos Camiños Francés, Sanabrés e Portugués

Durante esta semana, trinta e unha persoas usuarias do centro de recursos que COGAMI ten en Mos participarán nun obradoiro artístico impartido pola artista valenciana afincada en Santiago de Compostela, Irene Grau, e maila pedagoga experta en mediación cultural, Alba Cacheda.

Financiado a través do programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia -cunha achega de 15.600 euros-, e coordinado pola Federación COGAMI Coruña, neste obradoiro a arte cobrará vida a través do movemento e a pintura. Enmarcado no proxecto `33=4. Caminarte´ que pretende poñer en valor o traballo en equipo dos centros de recursos para persoas con discapacidade que COGAMI ten en Lugo, Medelo (Silleda), Pontevedra e Mos, situados preto dos Camiños Francés, Vía da Prata e Portugués, enxalzaranse os valores da convivencia, o intercambio e o contacto con elementos naturais, como ocorre cando se percorre calquera das rutas destes Camiños.

O director de Admon. e RR. Amigos do Camiño do Xacobeo, Ildefonso de la Campa, participou hoxe na xornada inaugural, xunto con Ramón Sestayo, Presidente da Federación COGAMI Coruña, achegándose en primeira persoa ao desenvolvemento deste proxecto e ao traballo das persoas participantes que culminará nunha obra colectiva que avanza en movemento como o Camiño de Santiago. Baseándonos nunha das premisas do traballo de Irene Grau, o desprazamento, levarán a cabo durante esta semana unha proposta a través da cal se poida rexistrar o movemento de cada unha das persoas participantes a través da pintura, destacando a diversidade nas formas de movernos. A partir da construción de diferentes elementos para pintar, artefactos, as persoas participantes poderán moverse libremente no espazo trazando o seu camiño. Un proceso que transita do individual ao colectivo no que entre todas as persoas participarán de forma colaborativa na creación dunha obra conxunta.

Este obradoiro, que terá lugar de luns a venres, contará cunha duración de 20 horas divididas en sesións de catro horas diarias nas que participan tanto as persoas usuarias como as traballadoras do centro, na procura dunha aprendizaxe activa e participativa.

Para levar a cabo este proxecto, ademais de Irene Grau e Alba Cacheda, colaboran tamén os artistas Misha Bies Golas e Carlos Maciá, quen guiaron os obradoiros que se realizaron nos centros de Medelo, Fingoi e Monteporreiro.

Concretamente, no Centro de Medelo aprenderon, da man de Misha Bies Golas e Alba Cacheda, a modelar materiais naturais como o vimbio ou a madeira que deron como resultado unhas esculturas conxuntas nas que incluíron materiais aportados polas propias persoas usuarias da súa vida cotiá.

Poñendo en valor as diferenzas que existen entre todas as persoas e na procura dunha aprendizaxe común, no Centro de Fingoi traballaron con Carlos Maciá e Alba Cacheda na creación dun lenzo de gran formato deseñado con materiais reutilizables. As pinturas foron realizadas utilizando o corpo -as mans, cadeiras de rodas, os pés,…- conformando unha obra colectiva que pretende ir avanzando como o Camiño.

No Centro de Monteporreiro o obradoiro impartido por Misha Bies Golas e Alba Cacheda, centrouse na introdución na técnica do teatro de sombras como ferramenta que lles posibilite traballar en novas pezas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.