Sofía Álvarez e Jorge Punzón reinan no Campionato Xunta de Galicia de Eliminator

Unha especialidade emerxente no BTT galego pechou este pasados domingo dúas intensas xornadas de competición no circuíto de Chan de Gagán. O día despois do Mini BTT e do Campionato Xunta de Galicia de XCO, a Xaxanbike 2021 viviu a loita polos títulos autonómicos de Eliminator. Sofía Álvarez (Cambre-Caeiro) e Jorge Punzón (Cosmos) subiron ao máis alto do podio en Marín como gañadores absolutos

Co XSM exercendo de anfitrión, regresou ao calendario autonómico un campionato que non se celebraba dende a súa primeira edición, no 2017. O club marinense preparou un percorrido de 700 metros no mesmo escenario que o sábado acolleu as carreiras de XCO e o formato foi o habitual nos eventos de Eliminator: unha contra o reloxo individual que distribuíu aos bikers no cadro de eliminatorias, comezando en oitavos de final, con catro participantes e dous billetes en xogo á seguinte rolda en cada carreira.

O mellor crono na CRI masculina estableceuno Andrés Valcárcel (Monforte), detendo o reloxo en 2 minutos 9 segundos e 426 milésimas, batendo por pouco máis dunha décima a Anxo Carril (Coruxo) e a Jorge Punzón. Porén, o biker máis rápido na proba individual despediuse na competición nos cuartos de final cometendo un erro nunha curva a poucos metros de meta. Adiantouno Mauro González (Salvaterra) e a outra praza para as semifinais acadouna Alberto Pedreira (Bici Verde).

Nesta mesma rolda tamén rematou a participación doutro dos favoritos. A Toni Ferreiro (Coruxo), múltiple campión de España de Descenso e Enduro, rompéuselle a cadea da súa bicicleta e quedou apeado.

Final masculina

A carreira definitiva alcanzárona Mauro González, Alberto Pedreira, Anxo Carril e Jorge Punzón. Tras pisar o caixón dos dous últimos campionatos estatais de Eliminator, o porriñés do Cosmos confirmou nesta final a súa condición de especialista. Un triunfo co mérito engadido de ter sufrido unha semana antes unha dura caída que lle provocou danos na boca e que o levou a causar baixa no campionato autonómico de Enduro e no de XCO.

Por detrás de Punzón entrou Pedreira e a medalla de bronce acadouna González. O júnior Carril fixo cuarto tras compartir grella con tres corredores con licenza Elite.

Competición feminina

Nas mulleres tamén houbo nova campioa respecto á primeira edición deste evento. Sofía Álvarez dominou tanto a CRI como a final. A júnior do Cambre bateu por 25 segundos a súa compañeira de equipo Carmen Mallo na contra o reloxo e volveuna superar na carreira que repartiu os metais. O de bronce obtívoo Aída García (Team Farto).

O programa deste Campionato Xunta de Galicia completouse coas probas de promoción de cadetes e infantís. Danny Buba (Coruxo) impúxose en cadetes a Héctor García (Poio Bike) e a Xano Gil (Ponteareas), segundo e terceiro respectivamente, mentres que en infantís Xian Alvariño (Ponteareas) estivo escoltado no podio polo segundo clasificado Xoel Cidras (Marín) e polo terceiro Aitor Albar (Poio Bike). O concelleiro de Deportes de Marín, Antonio Traba, e o coordinador de Deportes, Antonio Caíña, encargáronse de entregar os premios na cerimonia de clausura da Xaxanbike 2021.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.