Un maio de inverno. Por @DulceCorcu

Hai que remontarse ao ano 2.012 para atopar un mes tan sanguento, tan regado de violencia machista que vén de cobrarse sete vítimas noutros tantos asasinatos de mulleres, ademais dun menor incluído nesa tráxica estadística. Todas a mans de parellas ou exparellas, verdugos conscientes da súa condición que nunca deixan de ter cómplices necesarios en quen se empeña en negar a incontestable evidencia de que non son asasinadas ao albur, senón únicamente por ser mulleres. Mulleres que creen de posesión propia ata que eles decidan o contrario.

Esta mesma semana, o grupo político VOX impedía a celebración dun minuto de silencio en Pozuelo de Alarcón na que de momento é a vítima dezasete deste primeiro semestre do ano, un xesto tan obsceno coma acostumado que, incriblemente, é permitido por forzas democráticas que acaban supeditadas ao endogámico machismo da ultradereita. A conveniencia de pactos, arranxos e ambicións particulares está por enriba das vidas das mulleres e as súas crianzas, seis no que levamos de 2.021, a quenes se lles escamotea incluso ese pequeno momento de pesar público onde quizais saian do anonimato e teñan nome e apelidos polos que ser recoñecidas. Non é nin moito menos o habitual, xeralmente reducidas a unhas iniciais ou nin iso, un díxito máis nun macabro reconto que apenas causa maior inquedanza. Imposible pensar nestas cifras e nesta pasividade se as vítimas fosen outras.
E menos mal que a loita contra a violencia de xénero está de “moda”, ocupando horas de televisión e sendo obxecto de atención e análises de todo tipo, tanto de expertas coma doutros que non o son tanto, aportando seguramente boa intención pero tamén máis confusión, contribuíndo a un espectáculo que acaba tendo o resultado contrario ao pretendido: a banalización e o “show” no que todo cabe. Tanta árbore quizais impida ver o bosque da crúa realidade, a dos cadaleitos de mulleres para as que ninguén chegou a tempo, nalgúns casos con denuncias e ordes de alonxamento en vigor que resultaron insuficientes e infructuosas. Para elas, igual que na canción de Luis Emilio Batallán, xa nunca haberá maio. Para elas será sempre inverno.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.