Unidas Podemos urxe ao Goberno a establecer unha moratoria eólica en Galicia

Gómez Reino: «Vimos de presentar unha iniciativa que responde ás reivindicacións dos colectivos mediambientais e veciñais que o sábado 5 se manifestaron masivamente no Obradoiro en contra dos plans de Feijóo e a favor da protección de territorios de enorme riqueza e biodiversidade»
O Grupo Confederal Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia En Común vén de rexistrar no Congreso unha iniciativa parlamentar para instar ao Goberno ao establecemento dunha moratoria eólica para a instalación de parques eólicos en Galicia.
«Temos que parar a ofensiva de parques eólicos e facela conciliable cunha transición enerxética xusta para todas», sinalou este xoves o deputado por Galicia en Común, Antón Gómez Reino, quen destacou que «esta iniciativa responde ás reivindicacións dos colectivos e asociacións veciñais que o sábado 5 se manifestaron masivamente no Obradoiro en contra dos plans de Feijóo e a favor da protección de territorios de enorme riqueza e biodiversidade».
En Galicia hai en total 4.061 aeroxeneradores que se distribúen por toda a comunidade. Na actualidade están en marcha arredor de 50 novos proxectos e 200 en fase de estudio, que distribuirían muíños cun importante impacto a nivel ambiental, paisaxístico e social.
Isto ocorre porque a Xunta de Galicia continúa incumprindo a normativa europea ao non declarar figuras de protección ambiental en territorios que deberían estar integrados na Rede Natura para a súa conservación. Como consecuencia, estes proxectos non son avaliados de maneira axeitada e son autorizados polo Goberno de Feijóo, sen respectar os criterios de equilibrio territorial e sustentabilidade ambiental que recolle a nova Lei de Cambio climático no seu artigo 25.
O documento rexistrado no Congreso, que foi asinado polos deputados Antón Gómez Reino e Juan López de Uralde, insta tamén ao Goberno a priorizar outras liñas de actuación en Galicia como a eficiencia enerxética, a xeración distribuída e o autoconsumo. «As grandes empresas venden que a instalación destes parques xeran beneficio para os concellos, pero o que estamos vendo é como a veciñanza abandona estas zonas rurais para protexer a súa saúde», comentou Gómez Reino.