Voadora presenta en Galicia Viaje a la Luna, unha montaxe cargada de simbolismo e erotismo a partir do único guion cinematográfico de Lorca

O Auditorio de Galicia acollerá o sábado 12 de xuño a estrea galega da peza, unha festa dos sentidos que conta con tres candidaturas aos Premios Max 2020-2021 pola banda sonora, escenografía e iluminación

Voadora regresa a casa. A compañía de teatro de vangarda que dirixe Marta Pazos volve aos escenarios da súa cidade, Santiago, para presentar unha das súas últimas producións, Viaje a la Luna, unha espectacular peza teatral baseada no único guión cinematográfico escrito por Federico García Lorca e que conta con tres candidaturas aos XXIV Premios Max das Artes Escénicas 2020-2021 pola composición musical (Hugo Torres), a escenografía e iluminación (CUBE.bz).

A produción de Voadora é a primeira adaptación escénica que se fai do manuscrito de Lorca, logo do seu descubrimento no ano 1989 en Oklahoma. En 1929, após a estrea de El perro andaluz, Lorca escribe durante a súa estancia en Nova York, como réplica, un guión con 72 secuencias.  É un guión que escribe a man e que lle entrega ao pintor e director surrealista Emilio Amero, quen finalmente non chega a rodar nada. Mais é a súa viúva quen, 60 anos despois, atopa o texto nunha mesiña de noite.

Marta Pazos, directora artística e de escena de Voadora, é a responsable da adaptación da peza, que se presenta como unha topografía vangardista do imaxinario lorquiano a través dos símbolos do seu universo máis recoñecibles (a lúa, o sangue, as mans fragmentadas) e que o poeta acompaña dos estímulos e influencias vangardistas que recibe ao chegar a Nova York no 1929, nun momento previo ao crac do 29, e no que o autor trata de atopar novas fórmulas para que agromen as súas palabras, ideas e arte. Viaje a la Luna é, pois, unha montaxe sen palabras e ateigada de erotismo na que Pazos exprime a poética de Lorca de xeito exponencial. Deste xeito, a directora propón unha lectura contemporánea das 72 secuencias deste guión de cine desde un punto de vista plástico. Así, intencionadamente, a materialización escénica non conta con elementos audiovisuais, co obxectivo de poñer en valor as ferramentaas propias do teatro para conectar co cinematográfico.

O espectáculo presentouse o pasado 3 de febreiro no Teatre Lliure de Barcelona, con todas as entradas esgotadas para todas as funcións antes da súa estrea. A función no Auditorio de Galicia, que terá lugar o vindeiro sábado 12 e cuxas entradas sairán á venda hoxe, luns 7 (10.00h, a través da páxina web de Compostela Cultura), supón o regreso á cidade da compañía, logo da presentación no 2019 da ópera de gran formato A amnesía de Clío.

MARTA PAZOS NA EXPOSICIÓN GALICIA FUTURA

Malia que Viaje a la Luna supón o regreso de Voadora as táboas compostelás, este non é o caso da súa directora, Marta Pazos, responsable nesta primavera da escenografía do Terceiro acto que Teatro en Vilo presentou para o CDG no Salón Teatro. A directora de escena xa está a traballar nos seus vindeiros proxectos, que se presentarán nas próximas semanas. Un deles é unha instalación específica para a exposición Galicia Futura, que a Cidade da Cultura acollerá a partir do mes de xullo, e na que Pazos ofrecerá unha reflexión arredor da figura das bruxas.

Foto portada: Silvia Poch

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.